Amancio Ortega e Macquarie pechan a adquisición da australiana Qube, que deixa de cotizar en bolsa
A Corte Suprema de Nova Gales do Sur outorga a aprobación definitiva á venda do grupo loxístico e portuario, unha operación de 7.000 millóns que suporá o desembarco de Pontegadea, o holding familiar do fundador de Inditex, en Australia.
O empresario Amancio Ortega, no concurso hípico de Casas Novas do concello coruñés de Arteixo. EFE/Cabalar
O proceso que iniciaron Macquarie e Pontegadea a finais do ano pasado para adquirir o grupo loxístico e portuario australiano Qube chega por fin á meta. A Corte Suprema de Nova Gales do Sur deu por segunda vez o visto e prace á operación, o último trámite que quedaba pendente tras as autorizacións outorgadas pola Xunta de Revisión de Investimentos Estranxeiros (FIRB) de Australia, a Oficina de Investimentos no Estranxeiro (OIO) de Nova Zelandia, a Comisión Australiana de Competencia e Consumidores (ACCC) e os propios accionistas de Qube, que respaldaron en votación a venda o pasado 16 de xuño.
Co último papel xa remitido ao regulador bursátil australiano, o plan para a adquisición da compañía por uns 7.000 millóns de euros é “legalmente efectivo”, segundo trasladou a propia Qube ao mercado de valores, e culminarase o próximo 14 de agosto. A partir desa data, Macquarie, Amancio Ortega e o fondo Unisuper, que xa era propietario do 15% do capital do grupo e que se sumou ao consorcio comprador, converteranse oficialmente en propietarios da compañía.
O fundador de Inditex, cuxas inversións inmobiliarias se concentran en Europa e Norteamérica, desembarcará por primeira vez en Australia con unha inversión de arredor de 700 millóns, que lle permitirán controlar o 15% do capital. Non entrará directamente en Qube senón nun holding con sede en Sídney denominado Rubik Australia Holdings, á súa vez, propietario do 100% da sociedade instrumental creada para a compra, Rubik Australia Pty.
Macquarie, pola súa banda, lidera tamén un grupo de investidores que abonará algo máis de 3.000 millóns polo 65% das accións. Neste grupo hai fondos xestionados pola firma australiana de banca de investimento e servizos financeiros, así como diversos investidores institucionais entre os que estarían xestores de activos, fondos soberanos e fondos de pensións, segundo recolle o folleto da operación. UniSuper terá o 20% restante cunha achega de 145 millóns e as accións que xa controlaba de Qube.
Exclusión da bolsa
Desde que a Corte Suprema deu o ‘ok’ á venda desencadearon outros dous movementos. Qube anunciou a súa exclusión da bolsa de valores australiana, medida que se fixo efectiva ao peche da sesión deste mércores. Os títulos cotizaban a 5,11 dólares australianos, similar ao prezo de venda, de 5,20 dólares por acción, e cunha revalorización do 25% desde que se anunciou a oferta. O plan de compra pactado por Macquarie e Pontegadea co grupo australiano xa prevía a exclusión de cotización nos días seguintes a que se aprobase a operación.
Por outra banda, Qube activou un dividendo adicional de 0,3465 dólares australianos por acción, que se sumará a outro de 5,20 dólares pola venda do grupo. Este dividendo extra foi enunciado polo consello de administración como unha mera posibilidade antes de que a operación se levase a xunta de accionistas, unha maneira de endulzar o camiño para a súa aprobación. Agora, matérializase, pois o pago executarase o próximo 23 de xullo.
A cúpula de Qube apostou desde o primeiro momento por aceptar a oferta e esa foi a recomendación que trasladou aos accionistas. Á fronte do consello, por certo, está o presidente John Bevan, actual conselleiro de Alcoa e ‘ex’ de Alumina Limited, socio da multinacional norteamericana na planta de alúmina de San Cibrao (Lugo) ata 2024.
A carteira de Amancio Ortega
Coa entrada en Qube, Roberto Cibeira, o xefe da family office de Amancio Ortega, aprofunda na diversificación da carteira de Pontegadea, tras a toma de participacións no grupo de aparcadoiros Q-Park e no operador portuario británico PD Ports. Todas estas inversións canalízanse a través do holding do fundador de Inditex en Luxemburgo, agora a praza de referencia do empresario para mover o seu capital. En España conta tamén coas súas participacións en Redeia, Enagás e Telxius, a filial de Telefónica, mentres que en Portugal participa en REN, a operadora da rede eléctrica e gasista lusa. A inversión máis voluminosa de todas estas é a de Australia, pois o seu 15% está valorado en 1.065 millóns de euros, os 700 millóns que paga Pontegadea máis a asunción de débeda.
O consorcio comprador contará para a adquisición do grupo loxístico co respaldo financeiro de nove entidades: Australia and New Zealand Banking, Canadian Imperial Bank of Commerce, Commonwealth Bank of Australia, The Hongkong and Shanghai Banking, ING Bank, Morgan Stanley Bank, National Australia Bank, Natixis e Westpac Banking Corporation. Segundo o folleto, comprometeron créditos por valor de uns 3.000 millóns co obxectivo de utilizalos na propia compra de Qube ou na refinanciación de débeda e liñas de crédito do operador australiano. En todo caso, por Oceanía ninguén espera unha revolución. O esquema da compra recolle que os novos donos prevén dar continuidade ao modelo de negocio de Qube, sen reducións de persoal nin xiros bruscos de xestión. Deixa no aire, iso si, a composición do consello e da dirección da compañía. No primeiro, como mínimo, deben desembarcar os representantes dos novos accionistas. En PD Ports e Q-Park, Amancio Ortega colocou de conselleiro a Roberto Cibeira, o conselleiro delegado de Pontegadea.