Puente acusa a Ryanair de “chantaxe e extorsión”: deixa os aeroportos pequenos “para gañar máis”

O ministro de Transporte considera unha "falacia" que a subida de taxas programada afecte ao negocio da aeroliña irlandesa e cre que busca abandonar aeroportos máis pequenos, como Santiago, pero continuar en España.

El ministro de Transportes y Movilidad Sostenible, Óscar Puente, interviene en el Senado, a 12 de noviembre de 2024

El ministro de Transportes y Movilidad Sostenible, Óscar Puente, interviene en el Senado, a 12 de noviembre de 2024. Jesús Hellín / Europa Press

Resposta contundente do ministro de Transportes, Óscar Puente, ante a decisión de Ryanair de rebaixar de forma considerable a súa operativa en aeroportos pequenos e medianos da rede de Aena en España como resposta á subida de taxas proxectada para o próximo ano. O dirixente socialista tildou a decisión de “chantaxe” e “extorsión” e indicou, ademais, que a compañía irlandesa xustifica a súa decisión con “falacias”. Para o ministro, a verdadeira motivación é a de abandonar os aeroportos máis pequenos e trasladarse a outros máis rendibles, pero sen abandonar o país.

Este mércores, Ryanair anunciou a súa intención de pechar a súa base en Santiago de Compostela e eliminar todos os seus voos a Vigo e a Tenerife Norte. Ademais, manterá pechadas as bases de Valladolid e Xerez e reducirá a súa capacidade en Asturias, Santander, Zaragoza e Canarias este inverno.

O deputado do BNG, Néstor Rego, mostrou a súa preocupación polo efecto que a decisión da compañía poida ter polas conexións de avións en Galicia, polo que pediu ao ministro revisar a política de taxas do xestor aeroportuario tendo en conta que rexistra superávit nos seus resultados.

Taxas reguladas co Goberno de Rajoy

Na quenda de réplica, Óscar Puente lembrou que foi o Goberno de Mariano Rajoy quen regulou en 2014 a fixación das taxas aeroportuarias, unha lexislación que o ministro defendeu para garantir a seguridade dos usuarios.

Puente explicou que despois de estar varios anos conxeladas, as taxas subirán a partir do próximo ano 68 céntimos por cada pasaxeiro, unha cantidade que considera asumible pola empresa. “Sostener, como fai esta empresa, que deixa de operar en determinados aeroportos porque non pode afrontar ese incremento (…) pois é unha falacia bastante groseira”, argumentou o ministro.

Seguidamente, o titular de Transportes comentou que Ryanair non vai suprimir “nin unha soa praza” en España, senón que vai trasladar a súa oferta de aeroportos rexionais, onde o ministro lembrou que as taxas son as “máis baixas”, a outros máis rendibles.

Busca máis rendibilidade

De feito, o ministro sinalou que a empresa ampliou rutas desde Madrid a destinos como Laponia ou Madeira e está crecendo en aeroportos como o de Alicante, aeroportos que precisamente son onde as taxas son “máis elevadas”.

Así, sinalou que o problema da empresa non son as taxas senón a rendibilidade. “O que pasa é que quere que a rendibilidade facilitémola nós prescindindo do noso marco regulador, que é un marco moi bo e moi razoable”, apuntou.

Subvencións

Neste sentido, Puente sinalou que a decisión de Ryanair é unha estratexia “puramente empresarial” e “perfectamente respectable”, pero matizou que o que “non é aceptable” é que un Estado programe a súa política aeroportuaria en función dos intereses dunha empresa privada.

Sobre a saída da aeroliña dos aeroportos rexionais, Puente indicou que se algunha cidade quere ofrecer subvencións a Ryanair para manter a súa oferta como fai Oporto en Portugal é “libre de facelo”, pero afirmou que nin o Goberno vai axustar as súas políticas nin Aena vai destinar parte do seu superávit aos beneficios da empresa.

Ademais, o exalcalde de Valladolid apostilou que o que está facendo agora a empresa xa o fixo antes en Francia, Alemaña e Holanda. “É unha pena, a min gustaríame ter outro tipo de trato, de feito así o intentei desde o principio, pero non foi posible”, comentou.

Tendo en conta isto, Puente asegurou que Ryanair seguirá operando en España porque lle interesa. Por último, lembrou que o conselleiro delegado da empresa, Michael O’Leary, vai embolsar un bono de 100 millóns de euros. “Mal non lle vai”, remachou.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta