Recursos de Galicia pecha a compra do parque eólico Mondigo ao Sabadell por 75 millóns
A 'utility' da Xunta e empresas privadas faise coa súa primeira instalación deste tipo en pleno bloqueo xudicial ao sector e anuncia que aplicará bonificacións para os veciños que residan preto do parque que chegarán ao 80% do custo eléctrico.
Emilio Bruquetas, conselleiro delegado de Recursos de Galicia, asina a compra do parque eólico Mondigo con Xavier Gásquez, managing director de Sinia Renovables, participada do Sabadell. Foto: Recursos de Galicia
Recursos de Galicia, a utility da Xunta de Galicia participada por varias das grandes empresas privadas da comunidade, acaba de pechar a compra do seu primeiro parque eólico: o Mondigo, situado en Lugo, entre os concellos de Ribadeo e Trabada e que adquiriu a Sinia Renovables, unha filial do Banco Sabadell, por 75 millóns de euros.
O parque, de nova execución, acaba de comezar a producir electricidade. De feito, a súa construción rematou no segundo semestre do ano pasado. Consta de 11 muíños eólicos que totalizan uns 49,5 megavatios de potencia instalada e está previsto que poida xerar ata 131 GWh.
Desde a entidade de capital público-privado presidida por Emilio Bruquetas indican que a operación de compra-venda pechouse en medio “dun escenario de bloqueo xudicial do sector” e sumando ao seu patrimonio un parque moderno e plenamente operativo. “Recursos faise coa metade das renovables instaladas en Galicia o pasado ano”, indica, ao tempo que apunta que o parque do Sabadell contaba con máis pretendentes, de capital estranxeiro.
Bruquetas indicou que “o mercado brindounos unha oportunidade que nos vai permitir avanzar no cumprimento do noso plan estratéxico para prover electricidade competitiva aos galegos e estabilizar os custos para as nosas empresas”.
Reversión do beneficio no territorio
No Mondigo aplicarase “unha política de reversión do beneficio no territorio” polo que as persoas que vivan nun radio de 1,8 quilómetros do parque gozarán dun recibo da luz con bonificacións de ata o 80% do custo da electricidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacaron hoxe as medidas de beneficio social que a administración autonómica aposta por impulsar desde RdG, onde ostenta a maioría.
Rueda explicou que este era un dos obxectivos que perseguía a lei de recursos naturais de Galicia para que estas instalacións “reduzan en beneficios sociais e económicos directos” nos veciños, que “pasarán a pagar un 20%” do que pagaban antes pola súa enerxía.
A conselleira avanzou que o próximo venres terá unha reunión cos tres alcaldes afectados para abordar esta cuestión, ademais de que a propia compañía ofrecerá información aos veciños da zona.