Rueda asegura que no conflito de Altri «hai un claro perdedor: Galicia e o seu futuro»
O presidente apela á confidencialidade para responder á oposición, que insta a Xunta a "desclasificar o acordo" con Altri.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda
O proxecto de Altri para Palas de Rei tivo un día máis a súa cota de protagonismo no Parlamento, onde a oposición celebrou o arquivo do expediente, ademais de urxir que se faga público o memorando selado coa pasteleira portuguesa. O presidente galego, Alfonso Rueda, recalca que dito acordo ten un carácter confidencial que esixe varios “consentimentos” e, fronte á ledicia dos seus rivais políticos, advertiu de que quen “perde” é Galicia.
A líder do BNG, Ana Pontón, puxo o foco no asunto na sesión de control, pero foi o xefe de filas do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen interveu antes, o primeiro en apuntar a Rueda para remarcar que, igual que vai á Audiencia Nacional a esixir que o Goberno lle revele detalles do proceso europeo pola prórroga da AP-9, o “coherente” sería que “desclasificase” o acordo inicial subscrito con Altri para o plan industrial de Palas de Rei.
“Perde Galicia”
Besteiro volveu insistir nesta idea posteriormente, desde o seu escano, mentres Rueda lle replicaba que lle pon “moi difícil” tomalo “en serio”. Fixoo durante o cara a cara do presidente con Pontón, quen reivindicou que o Bloque “acompañou” ao “pobo” na súa loita contra Altri e celebrou a “derrota política” do tamén líder do PP.
Rueda replicoulle que a Xunta se viu obrigada a iniciar o arquivo do expediente debido ao bloqueo por parte do Goberno central da conexión eléctrica para o proxecto, unha decisión que afecta, insistiu, a toda a provincia de Lugo, e que lamentou.
Así, o presidente da Xunta decidiu outorgar “un empate” a PSdeG e BNG no que respecta a facer fracasar o proxecto, pero lanzou un aviso: “Hai un claro perdedor. Sabe quen é? Galicia e o seu futuro. É unha auténtica campioa. Cal é a súa alternativa? Cal é a súa Arcadia feliz?”, preguntouse.