Pablo Isla, aos accionistas de Nestlé: “Enfronteime a moitas das mesmas dinámicas en Inditex”
O presidente de Nestlé subliña que o seu paso polo xigante téxtil galego lle aportou unha “perspectiva innovadora” tras xestionar retos como “a rápida evolución do consumo, os avances tecnolóxicos e a complexidade das cadeas de subministración”.
Pablo Isla e Philipp Navratil. Nestlé
Pablo Isla lembra o seu paso por Inditex na súa primeira carta aos accionistas desde a toma de posesión do seu cargo o pasado outubro incluída no informe anual da empresa, que hoxe presentou os seus resultados do exercicio 2025, na que sinala que a compañía afronta moitos dos retos aos que tivo que facer fronte como CEO da multinacional galega.
“Durante a miña etapa en Inditex, enfrontéime a moitas das mesmas dinámicas que Nestlé enfronta actualmente: a rápida evolución das preferencias dos consumidores, os avances tecnolóxicos e as complexas cadeas de subministración”, sinala Isla na misiva na que apunta que “encontrar maneiras de superar estes desafíos e prosperar moldeou” o seu enfoque de “liderado e transformación”.
Isla tamén destaca a súa “perspectiva innovadora grazas aos meus anos de experiencia como Presidente e CEO” do xigante téxtil galego.
O empresario recoñece que o rendemento de Nestlé así como a evolución do prezo das súas accións “xerou inquietude”. “Philipp, o noso CEO, e eu, xunto co Consello de Administración e o Comité Executivo, estamos desexosos de liderar esta empresa cara a unha nova etapa e recuperar a posición de Nestlé como líder indiscutible do sector”.
Entre as accións que están a levar a cabo, Isla menciona a revisión do modelo operativo e da estratexia para impulsar o crecemento orgánico do grupo e facela máis eficiente. “Estamos a actuar cun novo sentido de urxencia e, cos nosos esforzos, xerando aforros para reinvestir”.
Doutra banda, o presidente de Nestlé mencionou os cambios introducidos no consello de administración, proceso que culminou este mesmo mércores con dous novos nomeamentos e cambios no seu funcionamento. Neste sentido, avanzou que, de forma regular, nomeará conselleiros independentes con diversas áreas de experiencia, e que os membros do órgano de goberno reuniranse a porta pechada para “fomentar unha participación máis profunda”. “Avanzaremos con decisión cara á seguinte fase de Nestlé e xeraremos retornos atractivos mediante un crecemento disciplinado e sostible”.
“Ao longo dos case 160 anos de historia de Nestlé, a resiliencia e a adaptabilidade foron o selo distintivo do noso éxito. Co apoio do consello de administración, a nosa dirección executiva e todos os nosos compañeiros, avanzaremos con decisión cara á seguinte fase de Nestlé e xeraremos rendibilidades atractivas mediante un crecemento disciplinado e sostible. Espero con interese colaborar con moitos de vostedes nas próximas semanas e meses para forxar xuntos o futuro de Nestlé”, pecha Isla.
Os números de Nestlé
Nestlé pechou o 2025 con beneficio neto atribuído de 9.033 millóns de francos, uns 9.900 millóns de euros ao cambio, o que supón un descenso interanual do 17%. O xigante suízo da alimentación optimizará a súa carteira arredor de catro negocios globais (café, mascotas, nutrición, alimentos e Snacks), mentres que mantén «negociacións avanzadas» para a venda do resto do seu negocio de xeados a Froneri.
No último exercicio, as vendas sumaron 89.490 millóns de francos (98.085 millóns de euros), un 2% menos que en 2024, cun lastre do 5,7% polo tipo de cambio. Deste xeito, aumentaron un 3,5% en cifras orgánicas, que exclúen o efecto do cambio de divisas e das variacións do perímetro contable da empresa.
Só no cuarto trimestre de 2025, as vendas da compañía suíza alcanzaron os 23.621 millóns de francos (25.890 millóns de euros), un 2,4% menos que no mesmo período do exercicio anterior, aínda que en datos orgánicos creceron un 4%.
Os ingresos da compañía en América diminuíron en 2025 un 4,6%, ata 34.482 millóns de francos (37.794 millóns de euros); baixaron un 3% en Asia, Oceanía e África (AOA), con 20.553 millóns de francos (22.527 millóns de euros); mentres que aumentaron un 2,9% en Europa, ata 17.581 millóns de francos (19.270 millóns de euros).
A multinacional, que o pasado outono anunciou un recorte de 16.000 empregos en dous anos para aforrar custos, acelerará a transformación do seu negocio simplificando a súa estrutura organizativa. Neste sentido, a execución urxente do programa de axuste permitiu alcanzar un 20% do obxectivo de aforro de 1.000 millóns de francos (1.096 millóns de euros) en eficiencias operativas de oficina, «por diante do previsto».
«Estamos a acelerar a nosa estratexia. Centrámonos na nosa carteira en catro negocios, liderados polas nosas marcas máis sólidas, con recursos priorizados e unha organización simplificada», explicou o conselleiro delegado, Philipp Navratil.