Life on Mars?

"Por que non utilizar por exemplo, de xeito bilateral esa mesma tecnoloxía dixital de vixilancia coa que os gobernos nos controlan aos cidadáns para impulsar democracias máis sans?"

Exposición en Barcelona sobre creación artística, literaria y científica inspirada en Marte. EFE/ Andreu Dalmau

Exposición en Barcelona sobre creación artística, literaria y científica inspirada en Marte. EFE/ Andreu Dalmau

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp

Do mesmo xeito que na surrealista canción de David Bowie a protagonista se fai unha pregunta existencialista –nun claro exercicio de fuga da súa realidade anódina–, hai uns días tamén observabamos con incredulidade a aterraxe do Perseverance, tanta coma os milleiros de quilómetros de distancia que nos separan do planeta vermello. Mentres, no noso, non só non fomos quen de deter o estrago medioambiental, económico, político e social, senón que os problemas non deixan de aumentar. Con todo, e fronte a esa decepción, tamén nos preguntamos: is there life on Mars?.

Aquí, na terra, conviven varias crises: unha de carácter medioambiental, co cambio climático como espada de Damocles enriba de nós; unha sanitaria, en forma de pandemia; a económica, retratada con dureza nun sistema perverso no que a acumulación da riqueza e o exceso de pobreza son cando menos intolerábeis; e no social, pola frustración dunha gran parte da cidadanía que simplemente está farta.

Nos tempos actuais, nos que impera tanta incerteza, a cuestión máis importante é saber como se relacionan estas crises entre elas, e cales poderían ser as súas consecuencias. Porque ademais da desinformación e da propaganda da mentira, hai que engadirlle a todo isto os erros no manexo da pandemia pola maioría de gobernos. Tamén, a incríbel docilidade coa que fomos aceptando sen chistar as regras de seguridade e a redución das liberdades individuais nos sucesivos estados de alarma, o que constitúe un perigo latente nesta época de descontento. Cando non hai orde político e só se escoita o ruído que algúns medios se encargan de divulgar, ou as constantes diatribas, acéndense todas as alarmas ao entrar en escena os demagogos que co seu carisma son quen de liderar a unha sociedade acomodaticia e servil.

A crise sanitaria que causou o coronavirus está acelerando complexos procesos de cambio a escala global

Daquela, o único de verdade irreverente é o pensamento co que poder fuxir do determinismo atávico que xa sinalaba o filósofo e humanista Sebastian Brant na súa obra de 1494 Das Narrenschiff (O barco dos necios), na que criticaba a fraxilidade e loucura dos seus contemporáneos, apuntando xa daquela cara a iso que agora chamamos “posverdade”: o mundo quere ser enganado, enganémolo entón.

A crise sanitaria que causou o coronavirus está, así mesmo, acelerando complexos procesos de cambio a escala global, e a fin da globalización non é o resultado da afouteza dos movementos políticos e sociais que sempre estiveron na súa contra, senón simplemente de amosar moitos máis defectos ca beneficios, debuxando xeopoliticamente un tempo catastrófico. Porén, o perigo reside tamén en invocar, dende algúns sectores, as políticas regresivas. “Cando o revolucionario, o surrealista, o tramposo e o criminal expeditivo se unen nunha soa figura xorde o heroe sintético no político”, sostén o filósofo alemán Sloterdijk.

O perigo reside tamén en invocar, dende algúns sectores, as políticas regresivas

Así que, por que non utilizar por exemplo, de xeito bilateral esa mesma tecnoloxía dixital de vixilancia coa que os gobernos nos controlan aos cidadáns para impulsar democracias máis sans? E que non falle a perseveranza, ou teremos que emprender viaxe cara a outro planeta, tal e como fixo o pintor compostelán do século XIX, Modesto Brocos, autor do único retrato que existe de Rosalía de Castro. Na súa obra El viaje a Marte, publicada en Valencia en 1930, formulaba unha utopía social no planeta vermello, onde Frei Bieito Xerónimo Feijoo e Montenegro lle serve de guía e anfitrión, nun marabilloso diálogo no que lle vai ensinando a excelente organización da sociedade marciana: “Nuestro mundo ha progresado muchísimo desde que empezó a ser gobernado por la razón y la inteligencia. A lo que recuerdo de los tiempos en que allí viví, la humanidad terrestre tenía gravísimos defectos: no amaba la verdad, los bienes estaban retenidos en pocas manos y la justicia sólo existía de nombre”.

Teresa Táboas

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp