Na senda da transformación dixital

Por primeira vez, o número de xestións a través da web do Concello da Coruña superan ás presenciais

Web do Concello da Coruña

Web do Concello da Coruña

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp

Nun contexto marcado pola pandemia, o proceso de transformación dixital de moitas organizacións privadas e entidades públicas estase a acelerar notablemente. Deste xeito, multitude de trámites que antes se facían en persoa van poder facerse online ao mudar o xeito de relacionármonos. O Concello da Coruña, cuxa nova sede dixital funciona dende hai unhas semanas, é un claro exemplo deste cambio de paradigma.

O 51% das persoas que acceden ao Concello neste momento fano a través da web en lugar de facelo a través da porta do rexistro de María Pita. No mes de abril fixéronse 25.566 visitas á sede electrónica fronte ás 24.922 que se realizaron presencialmente. Un gran avance que nos convida a seguir mellorando a experiencia que teñen os cidadáns cando deciden entrar ao Concello a través da nosa páxina.

Outros datos relevantes ademais de que por primeira vez o número de xestións a través da web superan ás presenciais, son que o 31% dos usuarios que realizan trámites online co Concello da Coruña fano a través do seu teléfono móbil, que o 54% son homes e que o 61% teñen entre 25 e 54 anos. Dende o meu punto de vista éste é o gran cambio que nos ofrecen as novas tecnoloxías, xa que ademais de que permiten aos cidadáns aforrar tempo e desprazamentos, ás administracións ofrécenos multitude de datos que nos permiten mellorar a nosa xestión a achegar as nosas políticas e procedementos administrativos ao que realmente demandan os cidadáns.

No Concello da Coruña son xa 85 os trámites diversos que a cidadanía pode realizar telemáticamente destacando, pola súa especial relevancia, as novas xestións vinculadas ao padrón municipal. Poder realizalas de xeito online era un desexo longamente demandado pola cidadanía.

Modernizando a súa sede dixital, o goberno que lidera Inés Rey dalle auténtico peso político á transformación dixital no seo das súas instalacións, favorecendo que os tempos de espera se acurten, os desprazamentos físicos desaparezan en moitos casos, os trámites se alixeiren e se poida operar de xeito máis cómodo e doado, tanto para os cidadáns como para as persoas que traballan na administración local. Unha transformación que se verá acompañada por un programa de dixitalización da atención á cidadanía que permitirá contar con persoal especializado que facilite os trámites aos cidadáns e os guíe cando precisen asesoramento.

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp