Pontón carga contra Rueda e reclámalle os seus «acordos secretos» con Altri
Non renunciamos a sacar á luz o acordo secreto que o goberno de Rueda asinou con Altri, a través dunha sociedade pública, avanzou a portavoz nacional do BNG.
Ana Pontón, voceira nacional do BNG
A portavoz do BNG eleva o ton contra o presidente da Xunta tras o arquivo do expediente de Altri. Ana Pontón reclamou a Alfonso Rueda que faga públicos “os acordos secretos” entre o Executivo autonómico e Altri sobre o proxecto que a firma tramitaba en Palas de Rei.
Pontón avanzou que os nacionalistas galegos non darán por pechado este tema ata que esclarezan “todos os detalles da negociación” entre a Administración autonómica e a empresa portuguesa. “Non renunciamos a sacar á luz o acordo secreto que o goberno de Rueda asinou con Altri, a través dunha sociedade pública”, manifestou. Nesa liña, sinalou que a cidadanía “ten dereito” a coñecer “que agocha ese acordo, en que condicións se asinou e que consecuencias ten”.
Ao seu xuízo, o PP “leva dous anos agochando esa información e esa documentación”, o que levou ao BNG a acudir á vía xudicial. “E o TSXG xa admitiu a trámite esta demanda”, destacou. “Queremos e esiximos transparencia e reto a Rueda a que, se non ten nada que agochar, rectifique e achegue esa documentación. É o mínimo que lle debe á cidadanía galega despois destes anos de mentiras e enganos sobre Altri“, aseverou.
“Un fracaso absoluto de Rueda”
En paralelo, Ana Pontón aproveitou a súa intervención para celebrar o arquivo do proxecto, “un gran éxito do pobo galego”, poñendo o foco na mobilización social como “clave” para frear “a bomba ambiental”.
Neste contexto, celebrou o “peche a Altri” como “un éxito rotundo” do pobo galego, ao tempo que volveu cargar contra a xestión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a quen acusou de actuar como “delegado comercial de Altri en Galicia”.
Para Pontón, o arquivo do proxecto supón “un fracaso absoluto de Rueda, dun goberno do PP que traballa para as multinacionais e para as empresas amigas”, así como “unha vitoria colectiva”. “Rueda perde, pero gaña Galicia, gaña a xente do rural e a xente do mar e gaña o conxunto do país. Gaña a dignidade do pobo galego fronte á indignidade dun goberno desleal que intentou traizoadelo”, aseverou.