O Banco de Noruega sae de Pharma Mar, mantense en Inditex e inviste en parques eólicos (pero lonxe de Galicia)
O fondo soberano de Noruega pechou o ano 2025 sen ampliar a súa participación na téxtil de Marta Ortega a pesar do seu espectacular rebote en bolsa en decembro e tras chegar a acordos para entrar no capital de parques de Iberdrola en España.
Marta Ortega, Óscar García Maceiras e José María Fernández de Sousa / Pablo Ares Heres
O maior fondo soberano do mundo ten unha longa sombra nas grandes empresas da bolsa española aínda que a súa nómina de investimentos en sociedades con orixe ou relación con Galicia diminúe. O Fondo Global de Pensións do Goberno de Noruega deu conta este xoves das súas abondosas métricas o pasado ano, período no que acadou un rendemento do 15,1%, equivalente a un beneficio de 2,36 billóns de coroas suecas (205.210 millóns de euros), un 5,9%, iso si, por debaixo do resultado récord de 2024.
A peche de exercicio, o fondo estatal, que reinveste no exterior os ingresos procedentes do gas e do petróleo, alcanzou o estratosférico valor de 1,85 billóns de euros. O conselleiro delegado de Norges Bank Investment Management, Nicolai Tangen, explicou que o fondo obtivo sólidos resultados, fundamentalmente, polo bo desempeño das accións en tecnoloxías, finanzas e materiais básicos.
Inditex
Quizais esa aposta inversora neste novo período xeopolítico fixo que durante o pasado exercicio, Norges Bank non avanzase posicións nunha das súas históricas cotizadas do Ibex, Inditex, a pesar do forte acelerón en bolsa que protagonizou o último tramo do pasado ano, cando recuperou o favor tanto de investidores como de analistas, superando os seus máximos históricos.
Segundo a información consultada por Economía Digital Galicia, Norges Bank declara que pechou 2025 cunha posición en Inditex dun 0,8% o que, tendo en conta a súa capitalización, a peche do ano pasado tiña un valor de máis de 1.400 millóns de euros. O fondo noruegués dos pensionistas mantén desta forma practicamente invariable a súa posición, que a finais de 2024 era dun 0,83%. Aínda que non aumentou a súa aposta pola matriz de Zara, a súa participación revalorizouse, xa que o seu paquete accionarial valía un ano antes algo máis de 1.230 millóns de euros.
Pharma Mar
Das cotizadas da bolsa galega nas que inviste na actualidade o fondo, só Inditex ten sede en Galicia. Durante máis dunha década a firma de investimento tivo presenza en Pharma Mar, a biofarmacéutica de José María Fernández de Sousa con orixes en Vigo. Con todo, a cotizada xa non figura no relatorio actualizado de investimentos de Norges Bank.
O fondo soberano chegou a contar cunha participación do 2,5% no capital da compañía na que tamén participa Sandra Ortega. Pero iso foi hai unha década. Desde entón ata agora foi reducindo a súa posición. A finais do ano 2024 declaraba un 0,63%, que diminuíu ata o 0,12% a peche do primeiro semestre do ano pasado.
O 2025 non foi un ano sinxelo para Phamar Mar en bolsa, xa que o pechou cunha caída do valor das súas accións de algo máis do 6% no Mercado Continuo, mesmo a pesar do empurrón na súa conta de resultados. A finais de 2024, a participación de Norges na antiga Zeltia valía uns 9 millóns de euros, para pasar a ter un paquete valorado en 1,66 millóns ao acabar o primeiro semestre de 2025, cando aínda tiña posicións no valor.
Eólicos e fotovoltaicos en España
Unha das grandes apostas de Norges Bank na bolsa española está en Iberdrola, aínda que aquí tamén baixou posicións. A finais de 2024 declaraba unha participación dun 2,73% que quedou nun 2,4% a finais do ano pasado. A peche do ano pasado, esa participación estaba valorada en preto de 3.000 millóns de euros.
Con todo, Norges Bank tamén inviste en parques eólicos e solares do grupo de Ignacio Sánchez Galán. En concreto, nos proxectos fotovoltaicos de Peñarubia, Ceclavín e Tagus e nos eólicos de Puylobo e Carrascosa, Muela e Cubillo, En todo posúe unha participación dun 49%, fronte ao 51% de Iberdrola.
Estas son as únicas apostas desta natureza que declara en España, non participando en ningún dos proxectos galegos de Iberdrola en Galicia, a pesar da súa posición dominante como promotor eólico.
Débeda soberana
No exercicio 2025, o volume de débeda soberana de España en carteira do fondo noruegués alcanzou un novo máximo de 64.631 millóns de coroas (5.615 millóns de euros), cun incremento do 14% respecto da exposición asumida un ano antes.
Destarte, a débeda española foi en 2025 a décima con maior peso na carteira de bonos do fondo, xusto por detrás da débeda de Singapur, Italia e Países Baixos.