A oportunidade chilena

A segunda volta das eleccións chilenas do próximo decembro abrirá, con toda probabilidade, un escenario decisivo para as empresas españolas, e tamén para as galegas, que consolidaron no país austral unha presenza estratéxica durante as dúas últimas décadas.

Puerto de Valparaiso en Chile / Wikipedia

Puerto de Valparaiso en Chile / Wikipedia

En un contexto marcado pola busca de estabilidade institucional e reactivación económica, o desenlace do 14 de decembro pode definir un novo ciclo de oportunidades en Chile para sectores clave como infraestruturas, tecnoloxía, alimentación, enerxía e servizos, reforzando o papel do país andino como porta de entrada ao Pacífico para a inversión española.

Chile chegou ás presidenciais do domingo 16 pechando un ciclo político inusualmente convulso, marcado por tensións sociais, debates constitucionais prolongados e un deterioro da confianza económica. Máis que un simple duelo entre proxectos, estas eleccións converteronse nun exame colectivo sobre a herdanza que deixa o presidente Boric, e o rumbo que debe marcar o novo mandatario para os próximos catro anos.

Pero hai outras lecturas e expectativas tamén importantes. Para España —e tamén para Galicia— este momento debe lerse en clave estratéxica, non só partidista: o que está realmente en xogo é se Chile recuperará a estabilidade que historicamente o converteu nun dos destinos máis atractivos para a inversión europea.

Durante máis de dúas décadas, o país andino ofreciu unha combinación singular na rexión: apertura económica, seguridade xurídica e políticas públicas orientadas ao longo prazo. Este marco permitiu que máis de 200 empresas españolas, algunhas delas galegas como Altia, Jealsa, Luckia, Grupo San José, ou Grupo Puentes, ademais de marcas significativas como as de Inditex ou Estrella Galicia, atoparan en Chile un entorno predecible para expandirse en tecnoloxía, alimentación, lecer ou infraestruturas.

Con todo, o debate constitucional, a incerteza regulatoria e o deterioro da seguridade cidadá teñen erosionado nos últimos anos esa percepción de certeza. A inversión estranxeira ralentizouse, varios proxectos estratéxicos conxeláronse, e o custo de capital asociado ao “risco país” creceu. Por iso, as eleccións de decembro son relevantes non tanto por quen gañe, senón pola posibilidade de que Chile retome unha senda de estabilidade institucional e claridade económica.

Un elemento destacado que marcou a primeira volta destas eleccións foi o peso que tiveron as preocupacións cidadás sobre inmigración e seguridade. Unha parte do electorado apoiou propostas de control migratorio máis estritas, reflectindo inquedanzas vinculadas ao aumento de delitos e á percepción de deterioro da orde pública en áreas urbanas.

Este factor favoreceu a opcións conservadoras, pero debe interpretarse con matices: máis que un xiro ideolóxico profundo, parece unha demanda de eficacia institucional e capacidade do Estado para garantir condicións básicas de convivencia. Desde a óptica empresarial, a mellora da seguridade é relevante e moi necesaria porque inflúe directamente na operación diaria e na percepción de risco operativo. E o mercado parece que así o está interpretando: a Bolsa chilena pechou o luns cun máximo histórico.

O empresariado galego en Chile co que tiven a oportunidade de conversar comenta que o esencial para os intereses das empresas da comunidade é que calquera goberno que xurda do 14 de decembro deberá enfrontar desafíos estruturais; recuperar a confianza inversora, acelerar o desenvolvemento de infraestruturas, modernizar a administración e estabilizar o marco regulatorio en sectores clave como enerxía, construción ou tecnoloxía. Se Chile consegue realiñar estes elementos, o potencial de reactivación é significativo.

As estimacións do sector apuntan a que, nun entorno estable, a inversión estranxeira directa podería crecer entre un 20% e un 30% nos próximos cinco anos.

Neste contexto, creo que as organizacións empresariais galegas teñen ante si a oportunidade de dar un paso máis e aumentar os lazos existentes. Se Chile consolida ese escenario de previsibilidade e eficiencia, o país pode converterse non só no destino seguro que xa é, senón nun verdadeiro socio estratéxico no Pacífico. Toca, polo tanto, reforzar a presenza, ampliar alianzas e anticipar proxectos que consoliden a lideranza galega en sectores onde xa existe unha posición sólida. Chile podería converterse nos próximos anos nun dos piares máis prometedores para a internacionalización da economía galega en Sudamérica.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta