Europa contra Estados Unidos
A Unión Europea encarna aquilo que Trump e o seu círculo de confianza rexeitan: universalismo de dereitos, límites ao poder, multilateralismo, regulación ambiental e primacía da lei sobre a forza.
Arquivo – O presidente dos EUA, Donald Trump
O ataque dos Estados Unidos a Venezuela puxo en evidencia o nivel de risco que se deriva da estratexia internacional do trumpismo, que cuestiona os valores democráticos básicos e ameaza directamente a estabilidade e o futuro de Europa. Antes de entrar en valoracións sobre a repercusión das accións que Trump está impulsando no mundo, debemos examinar a realidade obxectiva de Europa e Estados Unidos como actores globais. Vexamos algúns números para alcanzar unha perspectiva comparativa real.
Datos que cuestionan o relato
A Unión Europea (UE), cos seus 27 estados membros, supera os 450 millóns de habitantes, por riba dos cerca de 333 millóns de Estados Unidos. En termos económicos, a UE xera un produto interior bruto colectivo de arredor de 19,4 billóns de dólares -22,6 con Reino Unido- fronte aos 28,8 billóns da economía USA. En termos de débeda pública, Estados Unidos presenta unha relación sobre PIB do 120% por unha media da UE do 81%. Por último, o orzamento de Defensa que manexa Washington é arredor de 800 billóns de dólares fronte aos 300 de Europa.
En síntese, Estados Unidos e Europa son potencias de dimensión comparable, con dúas diferenzas notables: a UE ofrece un mellor balance financeiro –matizado pola hexemonía do dólar- e USA conta cun poderío militar superior.
A estes datos podemos engadir a interesante información que nos reporta a balanza comercial: en 2024 o comercio bilateral de bens e servizos entre a UE e Estados Unidos superou os 1,68 billóns de euros, a relación económica máis grande do planeta, e a Unión Europea mantivo un superávit en bens de arredor de 157.000 millóns de euros fronte a Estados Unidos, aínda que o comercio de servizos presenta un saldo máis equilibrado.
Unha alianza baseada en valores compartidos
Tras a Segunda Guerra Mundial, a Europa occidental e Estados Unidos construíron un marco común baseado na democracia liberal, o Estado de dereito, a economía aberta e a defensa dos dereitos humanos. Ese consenso permitiu a creación de institucións multilaterais de distinta natureza que deron forma a unha orde internacional relativamente estable. Aínda admitindo imperfeccións obvias e excepcións aos principios xerais deste deseño, poderíase afirmar que Europa e Estados Unidos compartían unha visión do mundo coa forza subordinada á lei e a cooperación por diante do unilateralismo.
No plano militar, a OTAN constituíuse como manifestación concreta dese tipo de gran pacto político e de valores. Creada para garantir a seguridade colectiva fronte a ameazas externas, funcionou durante décadas como un mecanismo de disuasión e coordinación que, con todas as súas tensións internas, permitiu a Europa concentrarse na súa integración económica e social mentres Estados Unidos asumía o groso do paraugas de seguridade. Ese equilibrio —Europa potencia civil, Estados Unidos garante militar— foi unha das pedras angulares da orde occidental de posguerra.
A ruptura: Trump contra Europa
Coa chegada de Donald Trump á Casa Branca, todo saltou polos aires. Por primeira vez desde 1945, un presidente estadounidense deixou de concibir a Europa como aliada estratéxica para tratála abertamente como un competidor ao que dobrar e como un problema a resolver. Os seus ataques verbais á Unión Europea, a imposición de aranceis a produtos europeos, o desprezo polos acordos multilaterais e a ameaza constante de retirar o compromiso de seguridade definen a ruptura histórica.
A hostilidade trumpista debe entenderse ideolóxica e estruturalmente. A Unión Europea encarna aquilo que Trump e o seu círculo de confianza rexeitan: universalismo de dereitos, límites ao poder, multilateralismo, regulación ambiental e primacía da lei sobre a forza. O modelo europeo ponse de manifesto como o oposto ao modo en que o actual presidente norteamericano concibe o poder, a economía e as relacións internacionais.
A isto súmase unha dimensión económica decisiva. Europa é un mercado moi importante, un competidor tecnolóxico e industrial potencial de primeiro nivel e, ademais, dispón dunha moeda —o euro— que se podería consolidar como alternativa internacional, o que erosionaría a hexemonía do dólar, unha das principais fontes do poder estrutural estadounidense. Desde esta perspectiva, debilitar a Europa resulta un obxectivo estratéxico fundamental para a Administración Trump.
A urxencia de reacción por parte de Europa
As ameazas de facerse con Groenlandia “polas boas ou polas malas” supoñen o sinal máis cru da belixerancia de Trump contra Europa. Que un presidente estadounidense poida plantexar abertamente a súa apropiación marca unha hipótese inadmisible para Europa. Se tal ameaza se tolera, Europa estará asumindo a súa vulnerabilidade e calquera opción será posible desde entón, xa sexa con orixe en Washington ou en Moscova.
Ese é o momento da verdade para a Unión Europea. A cuestión xa non é tanto se Estados Unidos segue sendo un aliado fiable, senón se Europa está disposta a actuar como un actor político soberano. A ameaza sobre Groenlandia define unha liña vermella que non pode ser traspasada sen consecuencias. É hora de pasar da retórica diplomática a unha estratexia de disuasión real fronte a un novo adversario que, polo menos baixo esta Administración, non recoñece límites nin compromisos previos.
Europa debería establecer de inmediato un protocolo de advertencia nítido e creíble a poñer en marcha en caso de que a ameaza de Trump sobre Groenlandia cristalice. En primeiro lugar, un réxime de sancións dirixidas ás grandes multinacionais estadounidenses, que son un dos principais vectores do poder de Washington e, tamén, un dos puntos máis sensibles para a Administración Trump. En segundo lugar, unha política deliberada de redución do uso do dólar nas transaccións internacionais europeas, reforzando o papel do euro como moeda de referencia. E, en terceiro lugar, a saída ordenada dunha OTAN que deixou de ser un marco de seguridade fiable, acompañada da creación dunha capacidade militar europea propia, integrada e autónoma.
Esta estratexia necesaria no escenario actual debería ter en conta algo que parece esquecerse: Trump non é eterno, e o adversario non debe ser Estados Unidos senón unha Administración concreta que optou pola confrontación e o unilateralismo. Europa debe combinar firmeza estratéxica con intelixencia política e reforzar, consecuentemente, os contactos coa oposición demócrata de modo que se prepare o terreo para unha recomposición da relación transatlántica cando o ciclo actual termine.
Non convén ignorar un dato potencialmente relevante: en novembro, un cambio no equilibrio do Congreso norteamericano suporía un condicionante do poder de Trump. O pesadelo non é irreversible. Pero só unha Europa que se teña tomado en serio a si mesma —económica, política e militarmente— poderá negociar de igual a igual cando chegue ese momento.