A Xunta presiona ao Goberno coa plataforma de eólica mariña experimental de Punta Langosteira
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, denuncia "os agravios comparativos en relación con outras comunidades" e lembra os apoios do Executivo central ás plataformas experimentais do País Vasco e Cataluña, ambas emprazadas en zonas de especial protección.
Panorámica Puerto Exterior A Coruña. Autoridad Portuaria A Coruña
A Xunta continuará traballando para conseguir que o proxecto para instalar unha plataforma experimental de eólica mariña en Punta Langosteira saia adiante. Así o apuntou este xoves o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, na súa comparecencia na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento na que explicou o futuro desta instalación no Porto Exterior que permitiría a Galicia situarse “á vangarda do sector”.
Fernández Vila denunciou “os agravios comparativos en relación con outras comunidades”, o desdén e as discriminacións do Goberno central con Galicia. O director xeral de Planificación Enerxética lembrou que o Executivo autonómico anunciou en 2022 a instalación da plataforma que estaría ubicada a uns 10 quilómetros do porto exterior da Coruña para o testeo e experimentación de prototipos relacionados coa tecnoloxía eólica mariña flotante e tamén para a realización de estudos relacionados co medio mariño e a biodiversidade.
O proxecto conta coa colaboración da Autoridade Portuaria da Coruña e de Red Eléctrica de España (Redeia); o seu emprazamento foi consensuado no marco do Observatorio de Eólica Mariña, que engloba representantes da administración, da industria e do sector pesqueiro.
Apoio do Goberno ao proxecto
Fernández Vila tamén lembrou o apoio explícito do Goberno central cunha iniciativa que cualificou como “fundamental” nun primeiro momento e que posteriormente descartou argumentando “que era unha zona de importancia para as aves” cando non estaba cualificada como tal.
Segundo lembrou a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, o pasado 22 de outubro na súa comparecencia parlamentaria con motivo da presentación dos orzamentos para 2026, o proxecto recibiu unha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (Idae) de 20 millóns de euros e incluía na súa memoria xustificativa un sistema de seguimento da avifauna para dar resposta á falta de información cuantitativa sobre as migracións de aves. Unha proposta que non foi valorada.
“Agravios comparativos”
Fernández Vila subliñou os “agravios comparativos” do Goberno central, en alusión aos apoios do Estado ás plataformas experimentais do País Vasco e Cataluña, ambas emprazadas en zonas de especial protección. “Para o Goberno central, Galicia non é unha prioridade -lamentou- os galegos somos cidadáns de terceira categoría, pero a Xunta de Galicia e o Goberno autonómico non teñan dúbidas que seguirán defendendo a todos os galegos e galegas”.
Finalmente, o director xeral de Planificación Enerxética lamentou que España leve case tres anos de retraso na folla de ruta do desenvolvemento da eólica mariña, despois de que en 2023 se aprobaran os Plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) e, posteriormente, o decreto que regula a produción de enerxía eléctrica a partir de instalacións ubicadas no mar, e insistiu na necesidade de apoiar proxectos experimentais como o de Punta Langosteira, tal e como xa se lle trasladou ao Goberno central.