O BNG pide 300 millóns máis nos orzamentos de 2026: «Nunca houbo neste país tal situación de colapso»
A formación presentará a próxima semana no Parlamento unhas 60 propostas como alternativa ás contas elaboradas pola Xunta.
A deputada do BNG Noa Presas – BNG – Arquivo
O BNG pide aumentar os orçamentos da Xunta do 2026. En concreto desde o Bloque propoñen mobilizar 2.241 millóns nas contas autonómicas, 300 máis dos previstos pola Xunta, para abordar, entre outros, as consecuencias da onda de incendios e mellorar servizos “básicos e esenciais”, que considera “en colapso”.
Segundo avanzou este venres a voceira de Facenda do BNG, Noa Presas, o partido levará 60 propostas ao Parlamento a próxima semana como alternativa aos orzamentos elaborados pola Xunta.
Presas centrou a súa atención na mellora de servizos públicos, que considera nunha “situación límite”. “Nunca antes houbo neste país tal situación de colapso, acompañada de protestas, mobilizacións e folgas”, censurou, aludindo a mobilizacións entre o profesorado, traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e en Atención Primaria.
Con este propósito, a alternativa nacionalista contempla traslados de partidas respecto ás contas existentes e unha ampliación de 300 millóns de euros baseada nunha proposta de forma fiscal, na liña da presentada en anos anteriores, coa que pretende modificar a recadación do IRPF e crear novos impostos.
A alternativa do BNG
Por exemplo, propón elevar ata 250 millóns a partida para Atención Primaria para ampliar as categorías profesionais e incorporar nos centros sanitarios logopedas, terapeutas, psicólogos clínicos e terapeutas ocupacionais.
Ademais, suxire 40 millóns de euros para dotar dunha unidade de hospitalización infanto-xuvenil a todas as áreas sanitarias e outros 10 millóns de euros a un plan de atención á saúde mental.
Á área de Política Social, o BNG formula destinar 84 millóns máis, de forma que a súa partida alcance os 246 millóns de euros. Irían dirixidos, entre outros, a crear un novo modelo de residencias, que permita poñer “punto e final” ás “vergoñas” notificadas en Amoeiro, Xinzo de Limia ou Monforte de Lemos.
En canto á violencia machista, aspecto no que afea á Xunta efectuar “recortes”, a formación demanda destinar un de cada 100 euros a este “problema fundamental” na vida das mulleres, o que suma unha cantidade de 140 millóns de euros.
Ademais, o BNG suxire elevar a partida de Educación en 137 millóns máis e sitúa como frentes principais o combate á “privatización” do sistema universitario e o “abandono” do alumnado con necesidades educativas específicas.