Eu quero ser esloveno

Mentres Galicia continúa loitando con desafíos estruturais seculares e sufrindo unha evidente dependencia económica, Eslovenia exemplifica como a autodeterminación e a planificación poden conducir a unha sociedade próspera e equilibrada

bandera de Eslovenia

O mundo está como está. E así todo, aínda quedan lugares aos que mirar e sentir un chisco de envexa. Son países que, polo seu percorrido histórico e pola forma en que teñen estruturado o presente, encarnan exemplos icónicos de nación independente e próspera. Eslovenia, pequena república europea soberana dende 1991, é sen dúbida un destes casos. Pasei dúas semanas hai pouco conducindo por aquel país e observei elementos ben interesantes que me fixeron sentir certa carraxe ao pensar na situación de Galicia.

A independencia de Eslovenia en 1991 chegou tras un referendo no que o 88,5% dos votantes apoiou a separación de Iugoslavia. Após un breve conflito armado de dez días coñecido como a «Guerra dos Dez Días», a independencia foi recoñecida internacionalmente, permitindo ao país iniciar a súa propia andaina nacional.

Un factor fundamental nesta independencia foi a súa lingua e cultura, auténticos motores de identidade colectiva. O esloveno, lingua eslava cunha longa tradición literaria, foi esencial para cimentar un sentimento nacional robusto, diferenciador e aberto ao mundo. É paradigmático que as estatuas en Eslovenia non sexan de militares ou políticos senón de literatos. A praza principal de Liubliana leva o nome do poeta nacional France Prešeren e alberga a súa estatua a cal simboliza o papel central da cultura na identidade nacional eslovena.

Desde a súa independencia, Eslovenia propúxose tornarse un exemplo de país equilibrado e sostible. Con pouco máis de dous millóns de habitantes e unha capital, Ljubljana, que non chega aos 300.000 residentes, o país mantense fundamentalmente rural. Este carácter rural non impediu senón todo o contrario, impulsou unha economía dinámica e moderna, cun alto número de explotacións agroalimentarias con peso elevado de produción ecolóxica. O seu sector forestal, que cobre o 60% do territorio, mantén unha diversidade de especies autóctonas e unha xestión conservacionista  na liña dun respecto absoluto pola paisaxe e o medio ambiente.

En canto á industria, Eslovenia presenta un sector industrial sólido que representa preto do 30% do seu PIB en 2023. O tecido industrial amósase diversificado e orientado á exportación. Hai ata sete segmentos cunha porcentaxe sobre a produción total superior ao 5%, en concreto:  a fabricación de produtos metálicos, equipos eléctricos, vehículos automotores, produtos de caucho e plástico, maquinaria, produtos alimenticios e metais básicos.

A nivel enerxético, Eslovenia aposta decididamente pola descentralización e as enerxías renovables. A instalación de paneis solares en tellados residenciais, comerciais e industriais permite a produción de enerxía preto dos puntos de consumo, reducindo así a dependencia de grandes infraestruturas e impulsando a autosuficiencia. Ademais, o país conta con empresas enerxéticas propias como Holding Slovenske Elektrarne (HSE), o maior produtor estatal de electricidade, que lidera proxectos de enerxía renovable. Porén, a instalación de parques eólicos é completamente residual por unha cuestión esencial de defensa da Natureza e a paisaxe.

En conxunto, Eslovenia supón un caso nítido de soberanía económica, sostida nun sistema financeiro propio, con bancos locais fortes como Nova Ljubljanska Banka (NLB), o principal banco do país, con sucursais en todo o territorio nacional e presenza en países veciños. No sector das telecomunicacións, empresas como Telekom Slovenije e A1 Eslovenia ofrecen servizos a nivel nacional, o que garante independencia estratéxica e estabilidade económica .

Neste modelo, o Estado adopta un papel proactivo, participando activamente na economía para garantir a cohesión social e territorial. Grazas a isto, Eslovenia goza dunha alta calidade de vida, bos indicadores sociais, económicos e ambientais, e unha sociedade unida arredor dunha visión común do benestar. Dous datos comparativos de 2023: o PIB per cápita de Eslovenia era de 30.160€, superando os 28.644€ de Galicia. Nese mesmo ano, a taxa de desemprego en Eslovenia foi do 3,5%, significativamente inferior á de Galicia, que se situou no 9,15%. Para terminarmos de confirmar a impresión xeral que transmite o artigo, un dato que posiblemente sorprenda a moitos: Eslovenia presenta un mellor rating que España segundo as catro principais axencias internacionais de cualificación crediticia.

En resumidas contas, Eslovenia, que hai pouco máis de tres décadas formaba parte do bloque comunista, conseguiu trala súa independencia situarse por diante de Galicia e de España de acordo aos principais indicadores. A súa aposta pola soberanía económica, a sostibilidade ambiental e a valorización da cultura propia demostra que un proxecto nacional ben definido pode superar as limitacións históricas e xeográficas. Mentres Galicia continúa loitando con desafíos estruturais seculares e sufrindo unha evidente dependencia económica, Eslovenia exemplifica como a autodeterminación e a planificación poden conducir a unha sociedade próspera e equilibrada.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deja una respuesta