Por fin volve A Coruña

As festas de María Pita supoñen a constatación da volta á normalidade tras a pandemia da Covid e a consolidación da Coruña como cidade de grandes eventos

Carolina Iglesias durante el pregón de las fiestas de María Pita

Carolina Iglesias durante el pregón de las fiestas de María Pita . Ayuntamiento de A Coruña

Chegou agosto e con el, volveron tamén as festas de María Pita. Unha cita que ano tras ano trae á Coruña milleiros de visitantes para desfrutar de centos de actividades culturais gratuítas coas que celebrar a nosa cidade. As festas de María Pita son sempre especiais, mais este ano supoñen a constatación de dúas cuestións clave: a volta á normalidade tras a pandemia da Covid, e a consolidación da Coruña como cidade de grandes eventos. Unha aposta que a nosa alcaldesa, Inés Rey, mantivo dende o seu inicio do seu mandato.

O inicio das festas comezou cun mantra que se levaba repetindo as últimas semanas en conversas na rúa e mensaxes en redes: “Por fin!”. Con esa exclamación comezou a alcaldesa a súa presentación do pregón. Eran moitas as persoas que estaban desexando volver ao agosto coruñés con música nas prazas, teatro nas rúas e salas e espazos cheos de actividades para celebrar o que somos: unha cidade cultural, aberta e de referencia. Unha cidade que pouco a pouco volve recuperar o seu esplendor.

E non foi unha tarefa doada. Especialmente, logo de dous anos marcados pola pandemia que tanto dano fixo ao sector cultural tamén no noso termo municipal. Un sector que dende o Goberno apoiamos coas axudas do PRESCO e especialmente co bono cultura chegando a máis de 80.000 usuarios rexistrados nos dous programas de bonos.

Pero A Coruña conseguiuno, presentando un dos mellores carteis dende hai anos. Con artistas internacionais como James Blunt, UB40 ou Texas, nacionais como Edurne ou Ilegales e cunha gran escolma de artistas galegos encabezados polas Tanxugueiras. Unhas festas para todos e todas e apostando, moi especialmente, polo talento mozo feminino. Dende a magnífica imaxe deseñada por Rebeca Losada, ata a nosa pregoeira, Carolina Iglesias. Unha seña de identidade que dende 2019 vimos marcando e pola que seguiremos apostando.

Moita música que porá banda sonora a un agosto marcado pola literatura coa Feira do libro nos Xardíns de Méndez Núñez, o cómic con ‘Viñetas dende o Atlántico’, romarías por barrios e actividades infantís. Unha música que tamén volverá á praia de Riazor, de novo, co Festival Noroeste, recuperando un dos símbolos da cidade. Dixo Carolina Iglesias no pregón que “nas Festas de María Pita pasan máis cousas que no Coachella”. O certo é que tamén pasaron moitas cousas antes das Festas de María Pita, pero por fin están aquí.

Por fin volveron as Festas de María Pita. Por fin volve o Noroeste. Por fin volve Riazor. E con todo elo por fin, volve A Coruña.