Son os alimentos, imbécil

A crise loxística provocada pola pandemia, no curto prazo, e o quecemento global en clave de continuidade, están a supoñer unha presión inaudita sobre os subministros que obriga a repensar as estratexias económicas territoriais

Vacas de A Casa Grande de Xanceda pastando en los terrenos de la sociedad

Vacas de A Casa Grande de Xanceda pastando en los terrenos de la sociedad

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp

Voces con alta reputación insisten en que a ruptura das cadeas de abastecemento no mundo representa un fenómeno puntual e temporal. Cabe preguntarse sobre o tempo que aínda vai durar e sobre as posibilidades de repetición no futuro, en especial tendo en conta algunhas circunstancias de enorme incidencia potencial. “As concentracións de gases de efecto invernadoiro na atmosfera volveron marcar un novo récord o que impulsa o planeta cara a un territorio descoñecido, con repercusións de grande alcance para as xeración actuais e futuras”. Esta frase suficientemente ilustrativa pode encontrarse no balance climático provisional 2021 da Organización Meteorolóxica Mundial.

Os mercados pregúntanse se a provisión de produtos básicos está asegurada. Namentres, os prezos deses produtos non deixan de subir

Durante este ano 2021 que estamos a piques de despedir, sucederon eventos insólitos: choveu na cima máis alta de Groenlandia, a chamada Summit Station. Batéronse as marcas históricas de temperatura no mundo, 54,4º no Death Valley de California; asemade as europeas, concretamente en Siracusa, Sicilia, onde os termómetros acadaron os 48,8º. O Ártico observou tamén un dato tristemente histórico: o de menor superficie xeada desde que esta variable se está a medir. O ano deixa no recordo imaxes alarmantes de inundacións, seca ou incendios fóra das magnitudes coñecidas ata o momento.

O efecto sobre terras e cultivos é inmediato e semella transcendente. Ábrense dúbidas importantes ao respecto das capacidades de produción de miles de explotacións nun futuro máis ou menos próximo. Ante tal incerteza, moitos países deciden reter os seus produtos co fin de garantir a satisfacción da demanda local. A necesidade de reducir as emisións de CO2 que se derivan do transporte de mercadorías supón unha restrición máis. Os mercados pregúntanse se a provisión de produtos básicos está asegurada. Namentres, os prezos deses mesmos produtos non deixan de subir, nalgúns casos por riba do 50% anual. Ante tal escenario, os economistas e os políticos empezan a cuestionar o paradigma da globalidade e promulgar o retorno á produción próxima.

Cal é a situación de Galicia ante o panorama descrito nos parágrafos anteriores? Mesmo tentando non alarmar, hase dicir que a posición de partida de Galicia resulta a peor posible. O abandono do rural acadou no país uns niveis non vistos en ningún outro lugar de Europa. As cifras non admiten discusión: mentres que en España, a superficie dedicada a produtos de consumo humano é do 25,5% da súa superficie total, Galicia reserva tan so un 3,9% a ese mesmo uso. A brutal diferenza entre as dúas cifras coincide practicamente co 20% aproximado que ocupa o eucalipto no país, unha magnitude que habería de cualificarse como descomunal. A táboa adxunta resulta ben explícita en cultivos básicos coma os cereais, as hortalizas, froitas, legumes e oleaxinosas, e oliveiras. Isto en Galicia, un país húmido con magníficas condicións para o cultivo agrario!

Fonte: “Encuesta sobre Superficies y Rendimientos Cultivos -ESYRCE” do INE

Semella indubidable o inmenso potencial desaproveitado no campo galego, inzado de eucaliptos que mesmo ocupan superficie agraria sen que ninguén o impida. E hai máis: os cultivos agroforestais para consumo humano, resultan xa rendibles na súa produción primaria, pero ademais desencadean innumerables oportunidades de industrialización ao longo das distintas cadeas de valor. 

A cadea de valor do eucalipto limítase á celulosa e material de construción básico, por moito que a Xunta pretenda buscarlle outros usos desesperadamente

Tomemos o caso dos cereais, por exemplo. A partir de trigo, millo, avea ou centeo, pódense producir fariñas, pan, galletas, repostería, pasta, empanadas, tortitas, cereais para almorzar, salvados, cuscús, mesmo aceites… E son materia prima para outros moitos produtos como, por exemplo, sopas, purés, bebidas vexetais, croquetas, guarnicións ou a mesma cervexa. Un exercicio similar poderíase facer co resto de cultivos e con especies arbóreas coma oliveiras, nogueiras, castiñeiros, abeleiras, maceiras, pereiras, cerdeiras, limoeiros, etc. Nada que ver coa cadea de valor do eucalipto que se limita á celulosa, moi principalmente, e material de construción básico por moito que a Xunta pretenda buscarlle outros usos desesperadamente.

A Lei 11/2021, de 14 de maio, de Recuperación da Terra Agraria de Galicia revélase unha ferramenta potente para a mobilización das superficies abandonadas. É un paso necesario pero insuficiente. Primeiro, porque a agregación das terras tal como está a propiedade vai enlentecer o proceso. E segundo porque as terras que si teñen propietario coñecido e están sendo explotadas (infraexplotadas) son os eucaliptais; e a Lei nada prevé para a substitución de eucaliptais por cultivos de consumo humano.  

Non hai tempo e o proxecto supón un reto colosal. Atribúeselle a Clinton aquela frase que seica lle soltou a Bush pai: “É a economía, imbécil”. Cabería agora berrar, a quen teña algo que ver coa política no rural galego: “Son os alimentos, …”.

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp