Un orzamento forte para unha cidade forte

O Concello ten xa este ano ao seu dispor 310 millóns de euros, cantidade que subirá aínda máis coa incorporación de remanentes. Nunca na historia chegou a unha cifra tan elevada

Plaza de María Pita, A Coruña

Imagen de archivo de la Plaza de María Pita, en A Coruña / Creative Commons

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp

Desde o luns de esta semana o Concello da Coruña conta cunha potente ferramenta para facer fronte a unha situación complexa. É certo que a política orzamentaria non é, seguramente, a máis vistosa das que se implementan desde as Administración públicas. Mais tamén é certo que é a que permite que existan todas as demais políticas. Os números poden ser áridos, mais son tamén sinceros. Porque ao final, son eles os que sustentan un discurso político e son, pois, a proba, das intencións e desexos de calquera goberno. A aprobación definitiva dos orzamentos municipais ofrece unha radiografía precisa do camiño que tomou o Goberno de Inés Rey. No momento en que máis se precisa de investimento público, este Concello cumpre.

O plan é facer da Coruña unha cidade máis forte, máis capaz, con máis oportunidades para as persoas e con máis oportunidades para todos aqueles que queiran poñer en marcha aquí o seu proxecto de vida

As contas inclúen 50 millóns de euros máis dos que había. Hai subas importantes en todas as áreas, subas pensadas para axudar aos que menos teñen, para poñer en marcha políticas culturais públicas e de calidade, para humanizar a cidade con novas actuacións e para poñer a cidade, de novo, no lugar que lle corresponde como referente indiscutible de todo o noroeste peninsular. Nada disto é porque si, senón que obedece a un plan. O plan é facer da Coruña unha cidade máis forte, máis capaz, con máis oportunidades para as persoas e con máis oportunidades para todos aqueles que queiran poñer en marcha aquí o seu proxecto de vida.

O Concello ten xa este ano ao seu dispor 310 millóns de euros, cantidade que subirá aínda máis coa incorporación de remanentes. Nunca na historia chegou a unha cifra tan elevada. Son, sen dúbida, os mellores orzamentos, algo que é un feito, non unha opinión, porque as matemáticas deixan escaso marxe á interpretación. Son estes os orzamentos da renovación dos barrios, dos novos servizos e da mellora dos que había. Os orzamentos que, por segundo ano consecutivo, permitirán que as case mil prazas das escolas infantís municipais sexan de balde, os orzamentos que mellorarán as rúas e parques de todos os barrios, os orzamentos que elevarán por riba dos 9 millóns de euros as aportacións municipais ás entidades culturais, sociais e deportivas da cidade.

Estou seguro de que todos os alcaldes desexan o mellor para as súas cidades. Na Coruña, ademais de desexalo, temos tamén a ferramenta para facer realidade ese desexo. Nunca na historia de Galicia dispuxo un concello dunha contía semellante. A Coruña ten este ano 25 millóns de euros máis que Vigo, que tamén rexistrou unha suba importante. É a nosa misión facer que eses fondos sexan útiles aos cidadáns e facer realidade os centos de melloras previstas. Os números, ao final, son a mellor proba das políticas que cada quen defende, as deste goberno son claras: facer da Coruña unha cidade máis forte.

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp