Un Atlas xa imprescindible

O Atlas converteuse nunha ferramenta imprescindible para valorar as estratexias en marcha das empresas galegas na súa resposta ás tendencias globais e as necesidades específicas do país

El Atlas de Economía Digital Galicia destaca a Hijos de Rivera, Inditex y Povisa por su compromiso con el medio ambiente

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp

En agosto pasado, sucedeu algo inédito na paisaxe nevada de Groenlandia, algo nunca antes rexistrado: choveu na súa cima máis alta, a chamada Summit Station. En xullo, bateuse a marca histórica de temperatura no mundo, 54,4º no Death Valley de California. Siracusa, en Sicilia, viviu este último verán a máis alta temperatura rexistrada nunca en Europa: 48,8º. O Ártico observou tamén un dato tristemente histórico: o de menor superficie xeada desde que esta variable se empezou a medir. 2021 deixou múltiples noticias alarmantes a medida que ía cubrindo datas do calendario: inundacións, seca ou incendios fóra das magnitudes coñecidas sucedéronse nos cinco continentes.

Durante este ano que rematou asistimos doutra banda a bruscos cambios sociais e laborais, iniciados durante 2020, froito da Covid-19. A eventos noutro momento impensables como as restricións aos movementos das persoas, os peches temporais de establecementos e servizos ou o traslado de millóns de postos de traballo desde a oficina até o fogar, sumáronse os desaxustes entre oferta e demanda de múltiples mercados, o caos da loxística e a falta de subministracións de miles de insumos e produtos. Fálase de que esta quebra da tradicional dinámica de produción e consumo é un fenómeno temporal pero non se di ata cando durará nin se volverá ocorrer unha vez se resolva.

O Atlas sinala os exemplos a seguir identificando as políticas e actitudes que favorecen o desenvolvemento autóctono

As consecuencias do exposto nos parágrafos anteriores son imprevisibles. Ninguén pode aventurarse a prognosticar como e cando serán as próximas manifestacións do quecemento global nin tampouco a prever a evolución da presente pandemia ou doutras futuras probables. Hai, con todo, un efecto inequívoco: as economías locais teñen que facerse fortes; han de dotarse dunha capacidade de produción que asegure as subministracións dos bens básicos, e han de xerar dinámicas internas de colaboración que dean cohesión ás súas comunidades.

O Atlas Galego da Empresa Comprometida revélase un instrumento cómplice da sociedade para lograr os dous magnos obxectivos, e por varios motivos. En primeiro lugar, porque sinala as mellores prácticas, os exemplos a seguir; en segundo lugar, porque o fai identificando as políticas e actitudes que favorecen o desenvolvemento autóctono, a creación de comunidade e o coidado do medio natural; e en terceiro lugar, porque se revela en si mesmo como un exercicio de compromiso entre a propia empresa e a sociedade á cal pertence.

Presentamos a segunda edición do Atlas sabendo que haberá outras moitas. Entendemos que o Atlas se converteu xa nunha ferramenta imprescindible para valorar as estratexias en marcha das empresas galegas na súa resposta ás tendencias globais e as necesidades específicas do país.

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp