Alcoa recorta beneficios e ingresos no primeiro trimestre a pesar do prezo do aluminio e do reinicio de San Cibrao
A multinacional americana prevé un “desempeno desfavorable” do negocio da alúmina no segundo trimestre polo impacto de Oriente Medio, fronte a un aluminio que seguirá á alza.
Bill Oplinger, CEO de Alcoa, durante unha visita a Guinea Bauxite Company (GBC) / Alcoa
Alcoa, a multinacional americana propietaria do complexo San Cibrao, recortou ingresos e beneficios axustados no seu primeiro trimestre fiscal, segundo a información comunicada ao mercado. O grupo, que viu como este abril, a fundición culminaba o proceso de rearranque, con todas as súas cubas operativas, cre que durante o segundo trimestre do seu ano fiscal o negocio da alúmina terá un desempeño “desfavorábel” debido principalmente ao impacto do conflito de Oriente Medio e á suba do prezo do gas, mentres que o aluminio seguirá ao alza, cotizando o metal en máximos.
No primeiro trimestre do ano Alcoa non conseguiu acadar as cifras esperadas polos analistas. A cifra de negocios da compañía foi de 3.193 millóns de dólares, fronte aos 3.369 millóns do mesmo período do ano pasado, cun retroceso do 5%. O beneficio neto axustado da compañía con sede en Pittsburgh quedou en 373 millóns, unha cantidade que supera os números do último trimestre do ano pasado pero que, de novo, está por baixo da comparativa interanual. Atópase, de feito, un 34% por baixo.
¿Como impacta Oriente Medio no negocio?
O presidente de Alcoa, Bill Oplinger, indicou, na presentación de resultados ao mercado, que o “experimentado equipo” da multinacional aluminera xestionara “de maneira excelente” os efectos do conflito en Oriente Medio, así como os do ciclón Narelle, en Australia, onde se asenta gran parte do traballo do grupo.
A pesares de todo, os efectos da guerra de Irán si tiveron impacto nos números da compañía, especialmente, no que atinxe ao negocio da alúmina. No primeiro trimestre do ano, a produción de alúmina diminuíu un 5% respecto ao trimestre anterior, debido principalmente á menor produción nas refinerías australianas polo inicio dos ciclos de mantemento estacional. Pero, ademais, os envíos a terceiros derrubáronse un 31%, “debido principalmente á menor venda de alúmina de orixe externa para cumprir cos compromisos cos clientes, á menor actividade estacional do primeiro trimestre e aos atrasos nos envíos en Australia, relacionados principalmente co conflito en Oriente Medio e o ciclón Narelle”.
No segmento de negocio do aluminio, con todo, “a produción mantívose estable en 607.000 toneladas métricas, debido principalmente ao continuo avance na reactivación da fundición de San Cibrao”. Os ingresos desta área procedentes de terceiros aumentaron un 3% debido ao maior prezo de venda.
Oplinger indicou, na súa conferencia ante investidores, que a compañía tivo “un excelente comezo de 2026” e atópase ben posicionada “para lograr un sólido desempeño no segundo trimestre e en todo 2026”. “A pesar das importantes interrupcións en Medio Oriente, os nosos equipos garantiron a continuidade do subministro para as nosas operacións. A nosa rede flexible de plantas de fundición continúa xerando oportunidades de valor engadido, e a solidez das nosas capacidades comerciais, de adquisicións e loxísticas quedou patente este trimestre”, expuxo, para destacar ademais que “o pasado 7 de abril completamos con éxito e seguridade o reinicio da planta de fundición en San Cibrao”.
Previsións
Molly Beerman, número dous da compañía, indicou que para o segundo trimestre do ano “prevese que o desempeño do segmento de alúmina sexa desfavorable en aproximadamente 15 millóns de dólares debido aos baixos prezos e volumes dos acordos de compra de bauxita e aos prezos máis altos da enerxía, principalmente o diésel, asociados ao conflito de Oriente Medio”.
Por contra, “o desempeño do segmento de aluminio sexa favorable en 55 millóns de dólares debido ás medidas de reposicionamento de inventario implementadas no primeiro trimestre, maiores envíos e primas de produto, e menores custos de produción debido á finalización do reinicio da fundición de San Cibrao”.
Na Mariña lucense, mentres a produción de aluminio se recupera, a da refinería de alúmina continúa recortada ao 50%, medida que se impuxo precisamente debido aos elevados custos do gas que necesita para operar.