Amancio Ortega e José María Castellano: así foi o divorcio empresarial máis sonado

A fracasada compra de Unión Fenosa por parte de Amancio Ortega (Inditex), Jacinto Rey (San José) e Julio Fernández Gayoso (Caixanova), na que incluso á última hora algún dos socios chegou a ofrecer a Castellano a presidencia da eléctrica, fixo irreversible unha relación xa deteriorada entre presidente e vicepresidente do grupo téxtil.

Amancio Ortega y Jose María Castellano

Amancio Ortega y Jose María Castellano

Cando o ourensán Honorato López Isla colgou o teléfono saíu do despacho eufórico. O propio conselleiro delegado de Unión Fenosa. Había un comprador de excepción para o paquete de control que tiña o Banco de Santander na compañía, nada menos que o 22% do capital. Aquilo supoñía un volteo no consello, relevo na presidencia e, o máis importante, unha volta aos orixes da mellor forma posible. A ansiada “re-galeguización” da eléctrica. Ao fin. Aquilo acontecía en setembro de 2005, fai exactamente vinte anos. Contao o xornalista Julián Rodríguez en Señores de Galicia (La Esfera de los Libros, 2008)

E todo parecía estar encamiñado porque Matías Rodríguez Inciarte, vicepresidente do Santander e man dereita de Emilio Botín nas negociacións, confirmara vía “sms” que o xefe aceptaba o prezo ofrecido por Amancio Ortega, Jacinto Rey e Julio Fernández Gayoso. Os propietarios de Inditex, Constructora San José e o primeiro espada de Caixanova levábanse o gato á auga. Iban facer historia. O que ningún dos tres socios podía imaxinar naqueles momentos de dicha era o que ía suceder horas máis tarde.

As manobras de Emilio Botín

Moi clara non debía ter o presidente do Santander a arquitectura legal da proposta, non a solvencia económica do grupo, que Botín tomou unha decisión ante a dúbida de que a CNMV obrigase ao grupo galego a lanzar unha incerta opa sobre o 50% da eléctrica. Sen dicirllo aos novos compradores, e desde Nova York, onde se desprazara para asistir a unha reunión informal do FMI, decidiu abrir unha auténtica subasta sobre ese 22% que tiña en Unión Fenosa.

Para gañar tempo, relata Julián Rodríguez en Señores de Galicia, polo menos unhas horas, comezou a pedir avais ao grupo galego, algo que sentou moi mal a Ortega. E, de paso, escoitou outras ofertas. Entre elas, a de Florentino Pérez. Bastaron dúas conversas para que o presidente de ACS e entón man dereita dos irmáns March se fixese co control de Unión Fenosa por 2.219 millóns de euros. Pagaba 33 euros por acción. A metade dese importe eran plusvalías para Botín. ¿Como era posible? ¿Que sucedera para que todo se fora ao traste? ¿Tiñan consistencia os reparos de Botín cara á oferta galega? ¿Simple impaciencia? ¿Era unha xogada máis para subir o prezo ou foi unha deslealdade en toda regra?

O menosprezo a Castellano

Tan ao seu modo levara Ortega o asalto a Unión Fenosa, e tanto protagonismo cedera a Jacinto Rey, que o entón número dous de Inditex, José María Castellano, Caste, sentiuse menosprezado cando ao final, ao ver que as cousas se torcían, recorrían a el para que arranxara o lío co Santander, incluso ofrecéndolle a presidencia da eléctrica unha vez adquirida, algo que sorprendentemente o dono de Inditex nin coñecía nin moito menos compartía. A unidade do grupo saltaba así polos aires.

Oficialmente, José María Castellano, vicepresidente do consello de Inditex, que convivía xa entón con Pablo Isla no día a día da xestión, deixou o 24 de setembro daquel ano todos os seus cargos na compañía téxtil alegando motivos persoais. A empresa entregara a finais do verán todo o poder executivo a Pablo Isla, o novo conselleiro delegado. A fallida compra de Unión Fenosa precipitara todo.

A ruptura

Castellano, prosigue o relato en Señores de Galicia, tiña as súas razóns para dubidar de que todo aquilo de Unión Fenosa chegara a bo porto. Foi o único dos protagonistas que falou tras o fracaso da operación. E foi nunhas declaracións ao diario El Mundo cando o catedrático coruñés deu as súas razóns, unha vez fóra de Inditex e, o máis trascendente, roto en cuestión de minutos un matrimonio empresarial de trinta anos con Ortega.

Que se era unha oportunidade única perdida para Galicia, que se tiña que ter pechado a operación en cinco minutos con un preacordo, que se estaba desolado… Pero, o máis importante, de acordo coa súa versión, era que o algo máis do 4% que xa controlaba Caixanova en Unión Fenosa obrigaba por narices ao grupo comprador a lanzar unha carísima opa, xa que sumado ao 22% que adquirían ao Santander, rebasarían o 25% do accionariado. Así de fácil. A súa xuízo, os ofertantes repararon demasiado tarde na lexislación sobre ofertas públicas e non había nada que facer. Foi, finalmente, a fallida compra de Unión Fenosa o que oficializou a ruptura dun dos tándems empresariais máis longos e exitosos de España ata entón.

Comenta el artículo
Avatar

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deixa unha resposta