Shein abre a súa primeira tenda física ante o golpe de Bruxelas aos seus envíos e en plena expansión de Lefties
A multinacional chinesa líder do 'fast fashion' abrirá en novembro as súas primeiras tendas físicas en Francia tras pechar un acordo co grupo inmobiliario Société des Grands Magasins (SGM)

Artículos expuestos durante la inauguración de la tienda efímera de Shein, en el ABC Serrano, a 26 de abril de 2024, en Madrid (España). Alejandro Martínez Vélez / Europa Press
Shein dá o salto ao comercio tradicional. A multinacional chinesa líder do fast fashion anunciou a apertura o vindeiro mes de novembro das súas primeiras tendas físicas permanentes en Francia tras pechar un acordo con Société des Grands Magasins (SGM), propietario de grandes almacéns.
Segundo explican dende a compañía a Economía Digital Galicia, están colaborando co grupo inmobiliario para “probar experiencias físicas de comercio en seis cidades de Francia, combinando a ambición de SGM de transformar os centros comerciais en auténticos destinos coa capacidade dixital de Shein para prever con precisión a demanda local dos clientes”.
“Como un mercado de moda global influente, Francia é unha escolla natural como o noso primeiro mercado de proba para este tipo de experiencias físicas de comercio. Ademais, os comentarios dos clientes en Francia nos últimos anos mostraron un interese crecente por ter máis puntos de contacto físicos coa nosa marca”, explican.
Dende a multinacional consideran que esta apertura lles ofrece “a oportunidade de fusionar o noso modelo líder de produción baixo demanda co comercio físico, ofrecendo a comodidade e o valor que os nosos clientes esperan, ao mesmo tempo que permite interaccións en persoa e unha experiencia de marca tanxible”.
Ata o momento o contacto que tiveron os de Chris Xu co comercio tradicional foi a través das súas pop up stores, unhas tendas efémeras que levaron a cidades de todo o mundo como Madrid, Barcelona, París, Marsella, Montreal ou San Antonio, e que levantaron unha grande expectación, con persoas facendo cola para entrar durante horas.
Taxas na UE?
O anuncio da compañía prodúcese nun contexto no que a UE pretende limitar a entrada en solo comunitario dos produtos low cost e impoñer unha taxa de dous euros ás compras a plataformas como Shein, Temu ou Ali Express.
Segundo os cálculos do Executivo de Ursula von der Leyen, o ano pasado entraron no mercado europeo arredor de 4.600 millóns de envíos low cost (de 150 euros ou menos) a razón dun 12 millóns de paquetes diarios, o dobre que o ano anterior e o triplo que en 2022.
Tal como detallou en maio o comisario europeo de Comercio, Maros Sefcovic, que esta “inundación” de paquetes “representa un desafío para o control e a seguridade”. “Estamos a falar de dous euros por paquete pagados pola plataforma. E se é por servizos ofrecidos polos almacéns nos que eses paquetes son almacenados, é incluso menos, de 0,50 euros”, apuntou.
A expansión de Lefties e o lanzamento de Amazon Haul
Ás trabas do Executivo comunitario hai que sumar a expansión dos competidores. Por un lado está a chegada de Lefties –a firma low cost de Inditex– ao Reino Unido, un dos mercados clave doutro dos xigantes do segmento: Primark
Segundo avanzaba Bloomberg o xigante téxtil con base de operacións en Arteixo estaría considerando polo menos catro ubicacións para Lefties, con terrens de 1.800 metros cadrados. Indica a axencia que “está considerando o centro comercial Lakeside, en Essex, o Bluewater en Kent e locais en Oxford Street e Westfield London”. A multinacional de Marta Ortega non fixo valoracións sobre esta publicación.
Por outro lado, estaría o crecemento de Amazon Haul, a plataforma low cost do xigante do ecommerce, que este mércores abriu as portas ao mercado español con produtos por menos de 20 euros (e moitos deles por debaixo de 10).
A chegada a España prodúcese despois do éxito noutros países como Estados Unidos, Reino Unido e Alemaña.