Innovar, non queda outra
Aínda que a situación actual é halagüeña, quizais botar unha ollada a quen xa ten en marcha plans de fomento da innovación para a súa aplicación inmediata axude a contar cos máximos acertos posibles.
Imaxe de arquivo / CC
Os finais de ano son datas de anuncios. Este do aínda latente 2025 non ía ser menos, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, instou ao Consello a que se iniciasen os trámites para poñer en marcha a primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028, coa pretensión de mobilizar unha cantidade superior aos 400 millóns de euros. O obxectivo da estratexia será o de dotar de maior competitividade ao tecido produtivo galego e situar á innovación no centro do desenvolvemento da comunidade autónoma de Galicia
E iso de innovar, en que consiste
Loable empeño, sen dúbida, pero non vaia ser que cheguemos tarde. Hai quen xa se adiantou e no primeiro semestre de 2026 terá aprobada a súa propia Lei para o avance da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación, e esta non é outra que a comunidade autónoma de Andalucía.
Denominada como Lei Activa, atópase xa en tramitación para a súa posta en marcha na primeira parte do ano 2026. En coordinación coa denominada S4 Andalucía (a Estratexia de Especialización Intelixente para a Sostibilidade de Andalucía 2021-2027), evolución da anterior RIS3, configúrase como o instrumento rexional de planificación, execución, desenvolvemento e avaliación das actuacións públicas en materia de investigación, innovación e transición industrial, dixitalización, capacitación, emprendemento e cooperación para a especialización cunha perspectiva transversal de sostibilidade e loita contra o Cambio Climático no Marco Europeo de Cohesión 2021-2027. É dicir, ten un marco propio e está en conexión con outro tipo de iniciativas da Xunta de Andalucía en materia de Innovación.
Esta Lei Activa supón, polo tanto, unha reforma integral de todo o referente á I+D+I na autonomía, contando con novos órganos de gobernanza, fomentando e financiando a colaboración público-privada, a internacionalización e a perspectiva de xénero, así como afianzando o prescrito polos criterios da sostibilidade integral. Todo iso, co obxectivo final de xerar o marco transformador que permita a Andalucía afrontar os retos e os desafíos que plantexa o actual século XXI, caracterizado pola innovación e a tecnoloxía como fundamentos sociais e económicos dunha sociedade máis xusta e redistribuída de maneira máis equitativa. Por iso, a normativa considera á innovación como un elemento esencial para o desenvolvemento social e económico, modernizar a economía andaluza e conseguir afianzar no seu tecido produtivo ao talento necesario para o seu afianzamento.
Un paseo por Sevilla
Segundo os datos achegados pola RIS (Regional Innovation Scoreboard 2025), o barómetro bianual europeo de rexións respecto á súa posición ante a innovación, Galicia atópase no posto 146 das 246 rexións analizadas, tendo escalado nove posicións nos dous últimos anos, situándose entre as 25 rexións europeas con mellor comportamento en innovación. No contexto xa propiamente español, Galicia pasou do oitavo ao sexto lugar, achegándose deste xeito a rexións como Cataluña, País Vasco, Madrid, Navarra ou a Comunidade Valenciana, consideradas como “fortemente innovadoras”.
Aínda que a situación actual é halagüeña, quizais botar unha ollada a quen xa ten en marcha plans de fomento da innovación para a súa aplicación inmediata axude a contar cos máximos acertos posibles. Esta nova proposta do afianzamento da innovación en Galicia deberá converterse nunha lanzadeira propia para pasar ao grupo de cabeza.
Propostas para a construción dun Sistema Innovativo Galego
E é por iso que consideramos que para a configuración dun ecosistema empresarial realmente innovativo propiamente galego débense afrontar, polo menos, cinco grandes retos tales como:
- A creación dun verdadeiro Sistema Galego de Coñecemento, conectado todos aqueles elementos do ecosistema económico e social que sosteñan a innovación como un formato válido para a consolidación dun futuro realmente sostible.
- A aposta por unha Innovación Intelixente, orientando a innovación a un modelo non só incremental de produción e produtividade, senón tamén como unha forma de afianzar a competitividade sostida sobre a xestión de custos e non só no mero pero importante incremento de ingresos.
- Atender a un planteamento de cadeas de valor conectadas, configurándose para iso un verdadeiro Sistema de Valor, con base na innovación.
- Considerar a Innovación Continua, unha orientación composta pola confluencia de tres elementos: detectar ocasións, aproveitar oportunidades e transferir para transformar.
- Converter á innovación nunha verdadeira Cultura Innovativa, configurándoa en parte do ADN propio da actividade empresarial e mesmo aplicándoa á propia administración pública galega.
Consideradas tanto a necesidade de integrar a innovación de maneira substancial no ecosistema económico e social galego, así como as inversións que se van realizar, e debido a que sempre é mellor aprender en cabeza allea, recomendamos aos responsables da iniciativa que se dean varios paseos, polo menos un por Sevilla, antes de finalizar xuño. Por aquilo dos rigores da canícula andaluza.