Máis axuste que ruptura
O informe ‘Funcas Intelligence’ da Fundación das Caixas de Aforro analiza as perspectivas e estratexias económicas internacionais e, dese estudo, debúxase un escenario que podería resumirse nunha soa idea: o mundo está a reaxustar expectativas.
A Fundación das Caixas de Aforro (denominada, a partir de 2021, Fundación dos Bancos e Caixas da CECA, siglas estas da Confederación Española de Caixas de Aforro) publicou o informe Funcas Intelligence, de marzo de 2026, que leva por título “Diversificación estratéxica nun mundo interdependente: reparto de riscos e oportunidades”.
No mesmo, trátanse as perspectivas e estratexias económicas internacionais e, dese análise, debúzase un escenario que podería resumirse nunha soa idea: o mundo está reaxustando expectativas. Non se trata dunha crise abrupta nin dun cambio repentino de ciclo, senón de algo máis complexo: unha transición na que economía, política e xeopolítica comezan a entrelazarse de xeito cada vez máis evidente.
No plano estritamente económico, o informe describe unha situación de aparente calma, aínda que con sinais de fragilidade. A Reserva Federal optou por manter os tipos entre o 3,50 % e o 3,75 % tras os recortes do ano pasado; mentres que o Banco Central Europeo mantén o 2 % coa vista posta en posibles reducións ao longo de 2026. A inflación parece encamiñarse cara ao obxectivo do 2 %, aínda que a subxacente continúa algo por encima. Nada dramático, pero tampouco plenamente tranquilizador.
Os mercados financeiros reflicten esa ambivalencia. Por unha banda, as condicións financeiras relaxáronse e as bolsas manteñen valoracións elevadas; por outra, a volatilidade observada nos primeiros meses do ano suxire que o equilibrio é máis fráxil do que parece. Como apunta o informe, estamos nun entorno de risco “selectivo”, onde os investidores comezan a discriminar con máis coidado onde colocan o seu diñeiro.
Con todo, o realmente interesante do documento non está tanto na coyuntura monetaria como na lectura estratéxica do momento. O orde económico global, construído durante décadas sobre regras relativamente estables, atravesa unha etapa de cuestionamento. As recentes declaracións da presidenta da Comisión Europea recoñecendo que as normas internacionais xa non garantizan por si soas a estabilidade do sistema reflicten ata que punto o clima cambiou.
A guerra de EE.UU. e Israel contra Irán —e o consiguiente impacto no prezo do petróleo— é un bo exemplo desa nova realidade. A enerxía volve converterse nunha variable xeopolítica central, lembrando que a economía global segue dependendo de factores estratéxicos difíciles de prever.
Nese contexto, a política estadounidense engade unha capa adicional de incerteza. O regreso de Donald Trump á Casa Branca reactivou unha axenda comercial agresiva, baseada en aranceis e presións bilaterais, que volve tensionar o sistema de comercio internacional, entre outras moitas cousas.
O informe menciona como estas tensións xa están a influír nos fluxos globais de capital. Desde a chegada de Trump, obsérvase unha reasignación gradual de investimentos cara a Asia. Non é aínda un cambio radical, pero si unha tendencia significativa. Xapón, Singapur e Hong Kong están reforzando o seu papel financeiro, mentres que economías como Vietnam ou Malaisia consolídanse como centros manufactureros dentro das novas cadeas de subministración.
Segundo o informe, este desprazamento non responde unicamente a factores económicos. Tamén reflicte unha estratexia de diversificación fronte á crecente incerteza política. A chamada estratexia “China+1”, por exemplo, busca reducir dependencias excesivas sen romper completamente co xigante asiático (como fixo Apple trasladando parte da produción do iPhone a India; empresas téxtiles migrando a Bangladesh; ou fabricantes de automoción reforzando México para abastecer a EE. UU.).
Neste contexto, o propio informe sinala un fenómeno revelador: mesmo países estreitamente vinculados a Estados Unidos comezan a explorar relacións económicas máis amplas. Canadá, por exemplo, anunciou unha asociación estratéxica con China destinada a ampliar o seu comercio bilateral, aínda que mantendo ao mesmo tempo os seus compromisos con Washington. Un delicado equilibrio que ilustra ben o novo xogo xeopolítico.
Mentres tanto, China observa e posiciónase. Aínda que reduciu significativamente as súas reservas de bonos do Tesouro estadounidense na última década, segue sendo un actor fundamental no sistema financeiro global. A interdependencia é tal que o uso da débeda como ferramenta de presión resulta, na práctica, demasiado custoso para todos: China perdería valor nos seus activos, Estados Unidos sufriría un aumento de custos e o sistema financeiro global veríase afectado.
O resultado é un mundo cada vez máis interconectado pero tamén onde o capital móvese con cautela, os gobernos revisan as súas dependencias estratéxicas e as regras que durante anos deron estabilidade ao sistema internacional parecen menos sólidas.
Quizais a conclusión máis interesante do informe sexa precisamente esa: o cambio non está chegando en forma de ruptura, senón de reaxuste. E nun sistema global tan complexo, ás veces os reaxustes silenciosos acaban sendo máis decisivos que as grandes crises.