A Coruña xa é oficialmente zona de mercado de vivenda tensionada.
Este mecanismo, que rexerá os próximos tres anos, permite limitar os prezos dos alugueiros.

Vista aérea de la ciudad de A Coruña. EFE/Cabalar
O Goberno central publicou este martes no Boletín Oficial do Estado (BOE) a declaración de zona de mercado residencial tensionada nun total de 23 municipios españois. Entre eles está A Coruña, que se converte oficialmente na primeira cidade galega con esta condición.
Segundo os datos do Ministerio de Vivienda, ao sumarse A Coruña, San Sebastián (Euskadi) e outros 21 municipios, xa haberá 8,28 millóns de persoas que viven en zonas tensionadas.
Á espera de Santiago
Ademais, o departamento que dirixe Isabel Rodríguez prevé que “pronto” se inclúan na lista Santiago de Compostela –aínda que o proceso podería dilatarse aínda meses, porque a Xunta requiriu ao Concello unha subsanación de documentación– e municipios de Asturias e máis de Euskadi.
A Coruña será o primeiro municipio de Galicia que poderá controlar os prezos do aluguer. O goberno local solicitou a declaración en marzo e a finais de maio recibiu o visto bo da Xunta.
Agora, o Ministerio de Vivienda verificou que cumpre cos requisitos legais e publicouno no BOE, polo que a declaración de zona tensionada entrará en vigor este mércores por un período de tres anos.
Tope aos alugueres
A declaración de zona do mercado residencial tensionada permite poñer tope aos alugueres en zonas onde os incrementos de anos anteriores foron desproporcionados. Este mecanismo limita os prezos dos novos contratos de arrendamento, que terán que “estar axustados ao prezo do contrato anterior”, e inclúe bonificacións fiscais para os propietarios que rebaixen a mensualidade aos seus inquilinos.
Do mesmo modo, establécese para estes municipios un índice de prezos para o aluguer que “todos aqueles grandes tenedores de vivenda están obrigados” a seguir nos seus contratos.
Deducións para os propietarios
A declaración tamén obriga a que as administracións executen un plan de medidas para incrementar a oferta de aluguer e que no prazo de tres anos a situación de alza de prezos poida ser revertida.
Fontes do Ministerio sosteñen que a lei estatal de vivenda do ano 2021 “funciona” e pon o exemplo en Barcelona, onde –segundo as súas cifras– o aluguer medio baixou un 8,9%. En toda Cataluña, reduciuse un 4,7% e asináronse 11.807 contratos novos.
Así mesmo, defenden que a aplicación de zonas tensionadas “favorece aos inquilinos” ao limitar os arrendamentos, “pero tamén aos pequenos propietarios que son bos caseros e poñen as súas propiedades en aluguer respectando o índice de referencia”. De feito, poden deducir ata un 90% do que ingresen se baixan o prezo un 5%.