Conxelación fiscal 2023

O Goberno municipal da Coruña decidiu apostar por unha política fiscal que contribuíse á recuperación económica e a facilitarlle a vida ás persoas

La alcaldesa de A Coruña, Inés Rey

La alcaldesa de A Coruña, Inés Rey

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp

Os concellos, como o resto das administracións, as empresas e as persoas, tamén están a padecer a alza de custes, principalmente da enerxía, mais tamén dos materiais de obra e dos bens que unha administración precisa para prestar os seus servizos, desde o papel ata as bicicletas.

As subas do IPC compénsanse habitualmente con lixeiros axustes á alza nas taxas e prezos públicos para nivelar os desaxustes entre ingresos e gastos. Esa fórmula formaba parte da normalidade ata que no ano 2020 irrompeu nas nosas vidas unha pandemia, pandemia que causou un fondo impacto económico na nosa sociedade e que foi seguida polas consecuencias da invasión de Ucraína por parte de Rusia.

Nese contexto, o Goberno municipal da Coruña decidiu apostar por unha política fiscal que contribuíra á recuperación económica e a facilitarlle a vida ás persoas. No que vai de mandato o Goberno da Coruña aprobou ata 22 bonificacións, algunhas delas vinculadas á pandemia, mais boa parte delas seguen hoxe en vigor.

Na Coruña pagan menos auga, lixos e sumidoiros que antes as familias numerosas e monoparentais, pagan menos plusvalías os que menos teñen, pagan menos IAE as empresas que non teñen beneficios, pagan menos os universitarios que empregan o bus e paga menos tamén quen aposta por rehabilitar no casco histórico, por citar algúns exemplos.

Entendemos que nun contexto como o actual é preciso facer cirurxía fiscal para aliviar a quen máis o precisa

É certo que tamén hai casos nos que se paga máis, concretamente tres: pagan máis os bancos polos caixeiros, pagan máis as casas de apostas, e pagan máis as vivendas turísticas polo lixo. Entendemos que nun contexto como o actual é preciso facer cirurxía fiscal para aliviar a quen máis o precisa, mais sen renunciar tamén a un principio esencial do estado do benestar: dotar de recursos á Administración para que poida levar a cabo unha máis xusta redistribución da riqueza.

Nun contexto post pandemia, nunha crise enerxética e cun grao de incertidume elevado no Concello da Coruña optamos por conxelar todas as taxas, impostos e prezos públicos no Concello da Coruña, evitando así que a Administración contribúa a agrandar a carga que xa padecen as persoas, mais evitando tamén unha minoración significativa dos recursos públicos para permitir o mantemento e mesmo a mellora dos servizos. A consecución de máis de 25 millóns de euros de fondos europeos, sen dúbida, contribúe a ese equilibrio.

A política fiscal posta en marcha na Coruña contrasta coa que o PP está a levar a cabo alá onde goberna. O anuncio, primeiro en Andalucía e despois en Galicia, da desaparición ou da rebaixa do imposto de Patrimonio para as rendas máis altas é unha decisión impúdica nun momento como o que estamos a vivir, decisión que deixa ben claro para quen goberna cada un. Na Coruña gobérnase para as persoas, na Xunta tamén, claro, pero só para unhas poucas.

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp