Actualizado
O Constitucional levanta a suspensión ás repotenciacións eólicas da Xunta que recorreu o Goberno
O pleno do Tribunal Constitucional acorda por unanimidade levantar o veto provisional a varios artigos da lei de medidas fiscais que acompaña os orzamentos galegos e que tamén afectaba a medidas de dependencia.
Varios aeroxeradores no parque eólico de Vilachá, a 15 de marzo de 2024, en Lugo. Carlos Castro – Europa Press – Arquivo
O pleno do Tribunal Constitucional, por unanimidade, acordou levantar a suspensión provisional a varios artigos da lei de medidas fiscais e administrativas que acompañou os orzamentos galegos de 2025 e que afectaba aos últimos cambios legais da Xunta no eólico –incluída a repotenciación de parques de máis de 25 anos– e dependencia e discapacidade.
En concreto, o TC informou de que se levanta a suspensión provisional do artigo 30 (nos seus apartados 2, 13, 17, 19, 20, 21 e 25, e relativo á reordenación espacial e tecnolóxica dos parques eólicos galegos). Tamén do apartado 5 do artigo 45, relativo ao recoñecemento e prestacións de dependencia.
A suspensión decretárase ao ser admitido a trámite o recurso do Executivo central, que consideraba que os artigos en cuestión invadían as súas competencias.
Tanto a Xunta como o Parlamento de Galicia solicitaran o levantamento da suspensión, por entender que “non concurría a aparencia dun dereito” na pretensión do Estado nin se causaban “prexuízos irreparables no interese público ou de particulares”.
Os argumentos do Estado
Por contra, o avogado do Estado solicitaba o mantemento da suspensión ao apreciar “un bloqueo ás súas competencias na materia, e a causación de prexuízos de difícil ou imposible reparación ao interese público”.
A decisión adoptada descarta a existencia dunha aparencia de bo dereito na pretensión de mantemento da suspensión. Así, partindo da présunción de constitucionalidade da lei galega, e sen entrar no tema de fondo do recurso –que se resolverá nos próximos meses–, constata “a ausencia de prexuízos irreparables para o interese xeral ou particular en cada un dos preceptos impugnados”.