AP-9: nin subas nin leccións

Non son tolerables novas subas nas peaxes, e tanto o Goberno central como a Xunta de Galicia teñen que atopar solucións inmediatas para frear esa suba desmedida

La AP-9 conecta Galicia de norte a sur desde Ferrol hasta Tui / EP

La AP-9 conecta Galicia de norte a sur desde Ferrol hasta Tui / EP

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp

É indigno que nunha situación como a que estamos a vivir os administradores dun servizo básico como é o transporte a través da espiña dorsal de Galicia teñan como único criterio para fixar as súas tarifas o reparto de dividendos. Non son tolerables novas subas nas peaxes, e tanto o Goberno central como a Xunta de Galicia teñen que atopar solucións inmediatas para frear esa suba desmedida, inxustificada e innecesaria nunha vía totalmente amortizada e que leva décadas aportando pingües beneficios aos fondos de investimento polos que va pasando, e que lonxe de entender que xestionan un ben esencial para o desenvolvemento de Galicia, interpretan a AP-9 como un depósito a prazo fixo cunha remuneración de luxo.

Temos que frear ese novo intento de atraco, mais neste asunto, aos socialistas, leccións ás xustas. Porque este Nadal será tempo de preocupación para os usuarios da autopista, en lugar de ser motivo de celebración e festexo.
De ir todo como tiña que ir, serían estas a últimas festas con casetas de peaxe, porque no 2023 remataba a concesión dunha vía máis que amortizada. Non será así, e non o será porque un tal José María Aznar, contra todas as opinións e mesmo contra o criterio de Bruxelas, concedeu no ano 2000 unha prórroga extraordinaria a Audasa por outros 25 anos. Acórdense diso cada vez que pasen pola peaxe de aquí ao 2048, a nova data de fin de explotación fixada por obra e graza do PP, que agora semella rasgarse as vestiduras.

Foi un Goberno socialista o que aprobou unha bonificación do 100% nas viaxes de volta cando se producen no mesmo día

Por certo, cómpre tamén facer unha reflexión sobre as bonificacións da AP-9 e sobre as que ten en vigor a Xunta nas autopistas autonómicas. Foi un Goberno socialista, o de Pedro Sánchez, o que aprobou unha bonificación do 100% nas viaxes de volta cando se producen no mesmo día, bonificación á que se suma un 20% máis cando se superan as vinte viaxes mensuais. Isto sábeno perfectamente os usuarios que empregan esa vía para traballar, ou para desprazarse mesmo as fins de semana.

A AP-9 non debe subir nin un euro máis, pero é preciso que os cidadáns recorden que os sustos que aínda nos quedan por padecer de aquí ao 2048 (este non será o último) virán por obra e graza do PP. E a Xunta, que tome nota das bonificacións estatais e as copie sen racanerías cosméticas nas súas autopistas, porque unha cousa é querer axudar e outra moi distinta finxir que se axuda, que no fondo é o que están a facer cuns descontos mínimos.

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp