O conflito xudicial eólico en Galicia

A insuficiencia da avaliación ambiental da Xunta é a causa fundamental das suspensións cautelares vixentes sobre a inmensa maioría dos parques eólicos afectados

Una vaca reposa tumbada frente a aerogeneradores en el Parque eólico de Montouto, de la Serra do Xistral, en la comarca de Terra Cha, a 22 de febrero de 2022, en Abadín, en Lugo, Galicia. - Carlos Castro -

Una vaca reposa tumbada frente a aerogeneradores en el Parque eólico de Montouto, de la Serra do Xistral, en la comarca de Terra Cha, a 22 de febrero de 2022, en Abadín, en Lugo, Galicia. – Carlos Castro –

A política de autorizacións de parques eólicos outorgadas pola Xunta de Galicia enfróntase a unha intensa batalla xudicial, onde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tense erixido como un actor fundamental. Recentemente, o TSXG anulou as autorizacións do P.E. A Ruña III (Mazaricos), ao considerar a declaración de impacto ambiental (DIA) da Xunta inadecuada. Esta insuficiencia radicou en que a avaliación se limitou ao impacto do parque eólico sen levalo a cabo de xeito conxunto co impacto ambiental da liña eléctrica de evacuación. Ademais, a DIA non analizaba os posibles danos a xerar eventualmente polo P.E. a espazos próximos á Rede Natura 2000, un requisito esencial para a prevención e minoración de impactos.

Esta posición do TSXG foi rapidamente criticada por parte do presidente Rueda, as conselleiras responsábeis das políticas ambiental e industrial, e a patronal eólica estatal, quen coincidiron en sinalar que a sentenza era moi negativa para o desenvolvemento económico galego e que, ademais, ía contra a xurisprudencia do Tribunal Supremo (TS). Mencionaban en concreto a Sentenza do TS de 21 de marzo de 2025 (Sentenza nº 316/2025), que anulara unha sentenza anterior do TSXG relativa aos P.E. de Campelo, Monte Toural e Bustelo.

Con todo, a análise xurídica aclara que non existe tal contradición. O TSXG segue a doutrina do TS, que na Sentenza nº 316/2025 fixou a súa posición sobre a consideración unitaria e a relevancia xurídica do carácter unitario dos proxectos desde a perspectiva medioambiental. A nulidade dos proxectos de Campelo, Monte Toural e Bustelo radicara, na interpretación inicial do TSXG, na indebida fragmentación dun único proxecto eólico, por carecer os tres parques da necesaria autonomía funcional ao compartir estruturas e conexións.

A doutrina da fragmentación: diferenzas chave

O cerne da cuestión é a distinción entre dous tipos de fragmentación, que definen a validez ou nulidade das autorizacións:

Fragmentación Formal (admisible): O TS determinou que partillar unha subestación ou unha liña de evacuación non anula “per se” unha autorización por mor dun fraccionamento ilegal. A fragmentación formal será admisible cando non atente contra a autonomía funcional dos proxectos e responda a un uso racional ou sirva para limitar o impacto ambiental ao evitar duplicidades. Esta é a excepción á consideración unitaria dos proxectos eólicos.

Fragmentación Material (nulidade): Esta é a regra xeral de nulidade. Prodúcese cando se demostra que se buscou fuxir dunha avaliación ambiental completa e integrada do conxunto dos efectos ambientais que acumulativamente van xerar os P.E. individualmente fragmentados. Este fraccionamento material é indebido porque impide ter en conta os efectos completos dos proxectos desde a perspectiva medioambiental.

O Alto Tribunal censura o tratamento separado dos elementos e instalacións necesarias para o funcionamento dun proxecto se isto produce artificialmente unha “alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias medioambientais”. A necesidade do estudo dos efectos acumulativos e sinérxicos con outros parques existentes ou proxectados é unha esixencia legal ineludible. Fraccionar as autorizacións administrativas previa e de construción dun P.E. non determina a nulidade, pero a nulidade si procederá cando non se avalíe de xeito conxunto todo o impacto ambiental que xere o proxecto.

A proba da insuficiencia ambiental

O aspecto máis importante, ratificado polo Auto do TS sobre o P.E. Moeche de 2 de abril de 2025, é que a determinación da validez da fragmentación non é unha cuestión de interpretación xurídica, senón, fundamentalmente, unha cuestión de proba. O esencial é acreditar a suficiencia, ou non, da avaliación ambiental completa e integrada do conxunto dos parques interligados. Corresponde á promotora e á Xunta de Galicia probar que non existiu unha vontade fraudulenta para evitar esta avaliación completa.

A insuficiencia da avaliación ambiental da Xunta é a causa fundamental das suspensións cautelares vixentes sobre a inmensa maioría dos P.E. afectados. Estas suspensións alicérzanse nas chatas e defectos da avaliación ambiental da Xunta relativos a diversos ámbitos: patrimonio cultural, flora, fauna, hidroloxía, paisaxe, sanidade humana e animal, etc.. Esta situación é corroborada moitas veces cos índice de sensibilidade ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que advirte da saturación da meirande parte do territorio galego. O que contará, pois, será o exame individualizado, caso por caso, da avaliación ambiental fronte ás probas que propoñan os recorrentes.

O contexto europeo

Aínda que o Dereito da UE considera a produción de enerxía eléctrica por fontes renovábeis unha actividade de interese público superior, confirma a necesidade da avaliación ambiental.

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) respondeu recentemente a cuestións prexudiciais do TSXG, indicando que a lexislación non obriga a outorgar un novo trámite de alegacións aos afectados ou interesados cando ditames e informes chegan ao procedemento despois de rematado o prazo inicial. Esta doutrina coincide coa Sentenza do TS de decembro de 2023. A pesar de que algúns viron nisto o «arranxo» do suposto «bloqueo eólico galego», os textos indican que o criterio do TXUE e a inminente xurisprudencia do TS cambian moi pouco a situación práctica. Isto só suporá que os procedementos suspendidos por esta cuestión se reactiven e tramiten (probas periciais, conclusións, etc.) ata sentenza. A abafante maioría xa conta cunha suspensión cautelar das súas autorizacións polo TSXG por mor dos defectos da avaliación ambiental.

En definitiva, o problema perténcelle á Xunta e á patronal eólica, porque Galicia non ten previamente avaliadas ambientalmente as áreas destinadas ao desenvolvemento eólico, o que causou esta enxurrada de proxectos non sostibles. Porén, semella que o goberno galego, lonxe de comezar a resolver esta complexa situación, anuncia —por boca da súa conselleira de Medio Ambiente— que “tomará medidas dalgunha maneira” ante as decisións do TSXG. Entendemos que a conselleira está a anunciar o correspondente recurso de casación perante o TS contra a sentenza que anulou o P.E. A Ruña III, coa fin de facer valer a legalidade da súa tramitación, e non accións xudiciais, se callar penais, contra maxistrados do alto tribunal galego sinalados até polo seu propio nome como responsables dunha, seica, “senrazón”.

Está a falar a conselleira de prevaricación xudicial cando fala de “senrazón”? Habería no mundo un avogado xeral da Xunta que asinara unha querela criminal por prevaricación contra os maxistrados do TSXG perante a Sala do Penal do Tribunal Supremo? Son conscientes o presidente Rueda e a conselleira Vázquez da falla de lealdade institucional na que están a incorrer?

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deja una respuesta