Reivindicando a economía sostible

Contra a corrente ideolóxica que tenta frear as políticas contra o quecemento global, o Atlas Galego da Empresa Comprometida naceu para radiografar o cambio de modelo económico en Galicia a prol dunha economía sostible

En 2020 naceu o Atlas Galego da Empresa Comprometida. O que propiciou aquela primeira edición foi a convición de que o modelo produtivista que primaba a obtención de resultados por riba de calquera outro factor estaba caduco, que a sociedade e a humanidade en xeral enfrontaban retos inéditos e que era necesario que as empresas adoptasen unha posición de Compromiso fronte a eses retos.

Aquela intuición de hai tan só 5 anos evidenciouse nunha serie acelerada e insólita de circunstancias de dobre natureza: dun lado, unha crise climática de dimensións descoñecidas; do outro lado, uns conflitos de carácter xeoestratéxico que moitos cremos superados.

Respecto da primeira dimensión, cómpre lembrar cando menos algúns exemplos representativos:

· 2024 foi o ano máis cálido do que se teñen rexistros, cunha temperatura media global que se situou, por primeira vez nun ano completo, por riba dos 1,5 graos respecto da era preindustrial.

· En 2024, Europa rexistrou múltiples fenómenos meteorolóxicos extremos: tormentas severas en Francia, Alemaña e Italia; inundacións históricas en Eslovenia; vagas de calor persistentes en España e Portugal, ou a DANA de Valencia, que causaron perdas próximas aos 20.000 millóns de euros, ademais das lamentables perdas humanas.

· Europa continúa quentándose ao dobre da velocidade media global: mentres a temperatura no planeta aumentou arredor de 0,25 ºC na última década, Europa elevou a súa en 0,5 ºC.

Diciamos que nos últimos anos o mundo tamén viu como se intensificaban os conflitos xeoestratéxicos: a invasión de Ucraína, as masacres de Gaza, os aranceis comerciais de Trump ou as guerras silenciosas en África polo control de recursos naturais no Sahel ou o Níxer. Estes focos de tensión xeopolítica non só afectan as relacións internacionais, senón que impactan directamente na economía global e no acceso aos recursos.

As consecuencias combinadas da crise climática e dos conflitos citados son de forte alcance. Por un lado, intensas oscilacións dos prezos da enerxía e cortes no suministro eléctrico, coma o vivido en Europa en 2023 polo corte do gas ruso. Por outro lado, o mercado de minerais estratéxicos como o litio, o cobalto ou o níquel, cuxo acceso e prezo se viron afectados polas tensións en África, América do Sur e a guerra de Ucraína.

En paralelo, respecto do abastecemento de alimentos, xeráronse tensións en produtos básicos como o trigo ou o aceite de xirasol pola guerra de Ucraína; o cacao, o azucre, o arroz ou o café polas vagas de calor en distintas zonas do planeta; ou, máis preto, o problema do aceite de oliva no sur de Europa. Estes fenómenos provocaron fortes subas de prezos que afectaron tanto ás empresas como ás familias, desequilibrando o consumo e os mercados en todo o mundo.

A realidade descrita nesta contextualización fixo que durante os últimos anos, practicamente tódalas institucións internacionais, tanto políticas como económicas e ambientais, propuxeran e tomaran medidas para transformar o tradicional modelo produtivista nun modelo de economía sostible. No produtivista, primaba o rendemento económico, as persoas e as súas rendas viñan despois, namentres os medios naturais eran unha variable absolutamente marxinal.

A economía sostible dá a volta a esta priorización. Os medios naturais, a terra, o aire, a auga, o mar, o planeta, pasan a ser a prioridade; as persoas, as súas rendas pero tamén a súa saúde e a súa alimentación, aumentan o seu protagonismo nunha economía sostible; e os beneficios pasan a un terceiro plano sen deixaren de ser fundamentais, coma é lóxico.

Contra a corrente ideolóxica que tenta frear as políticas contra o quecemento global, o Atlas Galego da Empresa Comprometida naceu para radiografar o cambio de modelo económico en Galicia a prol dunha economía sostible. É o único camiño posible. A sostibilidade non pode ser unha opción conxuntural senón o principio vertebrador das decisións colectivas. O futuro depende de que saibamos poñer o planeta e as persoas no centro desas decisións.

Historias como esta, en su bandeja de entrada cada mañana.

O apúntese a nuestro  canal de Whatsapp

Deja una respuesta