As cidades impúlsanse con diálogo

Os cidadáns, con razón, demandan solucións e consensos, e cada vez toleran menos que os seus representantes públicos se enreden en liortas sen saída

Imagen del Pleno del Ayuntamiento de A Coruña. Foto: Ayto Coruña

Imagen del Pleno del Ayuntamiento de A Coruña. Foto: Ayto Coruña

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp

A Coruña conta desde esta semana con 6,5 millóns de euros máis para poñer en marcha 22 investimentos precisos para facer que a cidade avance en moi distintos ámbitos. Son fondos que servirán para completar infraestruturas viarias, para axudar ao tecido asociativo e para promover novos servizos. É así porque o Goberno de Inés Rey vén de aprobar unha modificación orzamentaria en pleno, modificación que contou cun apoio practicamente unánime nunha corporación cunha ampla representación política.

O mesmo apoio unánime acadou tamén a proposta de modificación do regulamento das escolas infantís municipais para ampliar a cobertura do servizo e ofrecer ás familias máis medios para a difícil conciliación da vida laboral e familiar. Non é un tema menor que a estas alturas de mandato o Goberno municipal siga a concitar apoios de forzas moi distintas.

No actual mandato celebráronse na Coruña 63 plenos, nos que foron debatidos 193 asuntos na parte resolutiva de cada sesión. Malia diferenzas políticas obvias entre as distintas forzas, 192 deses asuntos saíron adiante, e deles, 166 fixérono sen votos en contra e 64, a terceira parte do total, por unanimidade.

Nun contexto político marcado a nivel nacional e internacional polos enfrontamentos (que non pola confrontación, moi lexítima), a alcaldesa da Coruña entendeu que era preciso e necesario aplicar outra forma de facer política, unha maneira de gobernar baseada no diálogo e na capacidade para poñer por diante das diferenzas os puntos de encontro.

A Coruña é a demostración de que resulta posible outra forma de concibir a xestión do público. Non sempre é sinxelo, e non todas as forzas nin todas as administracións están igual de dispostas ao diálogo, mais resulta evidente que, cando un deixa a un lado as discrepancias e facilita a interlocución en base a opinións lexítimas, as cousas saen adiante. É bo, sen dúbida, para cultivar unhas relacións razoables entre os distintos actores, pero sobre todo é bo para os cidadáns, que son os que teñen que beneficiarse da acción política.

Os gobernos deben promover avances, e os avances non se acadan nin desde a trincheira nin desde a imposición. Foron precisamente os enfrontamentos máis do razoable os que contribuíron a danar a imaxe da xestión pública. Os cidadáns, con razón, demandan solucións e consensos, e cada vez toleran menos que os seus representantes públicos se enreden en liortas sen saída. O Goberno municipal da Coruña non se ten desviado nin un milímetro do camiño trazado no arranque do actual mandato. O diálogo e a capacidade de chegar a acordos segue e seguirán a ser esenciais na acción do executivo. Tanto ten hai tres anos como a seis meses das eleccións municipais.

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp