A Coruña, por fin, ten un plan

Temos a obriga de que os fondos públicos sirvan para mellorar a vida dos cidadáns. Non poden quedar na caixa, como acontecía non hai moito

Pleno del Concello da Coruña

Pleno del Concello de A Coruña

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp

Hai case dous anos que na Coruña xa non se planifica o investimento público de xeito improvisado. Inés Rey marcou unha folla de ruta clara, un camiño recto e afastado de curvas e meandros, un camiño sen sorpresas, un camiño no que os cidadáns saiban de onde saímos e cara onde imos. O Concello vén de aprobar o seu segundo Plan Anual de Contratación, un documento que serve de folla de ruta no que se fixan as metas e as paradas. O percorrido componse de 320 propostas de contratos por un valor de case 250 millóns de euros, que, na súa distribución, evidencian cal é a liña trazada. Infraestruturas, medio ambiente, benestar social, educación, cultura e deporte suman 224 millóns de euros, é dicir, o 90% da cifra total.

A aposta é clara e recoñecible. Este Goberno municipal considera que o investimento público é chave para apoiar unha reactivación económica máis necesaria que nunca. Temos a obriga de que os fondos públicos sirvan para mellorar a vida dos cidadáns. Non poden quedar na caixa, como acontecía non hai moito. O investimento, ademais, obedece a uns obxectivos moi concretos: á mellora da accesibilidade, facendo unha cidade máis humana; ao reforzo dos servizos sociais para ofrecer unha saída a quen o están pasando peor; á mellora da sustentabilidade e do coidado do medio ambiente e a promoción da cultura e do deporte. O Goberno da Coruña ten posto orzamento e proxectos a todas esas políticas, accesibles, amais, para todos os cidadáns.

Este Goberno ten un plan. É dicir, esta cidade, tras moitos anos de deambular errático, por fin ten un plan

Por segundo ano consecutivo a cidadanía poderá saber cal é a planificación que segue o Goberno municipal. O Plan de Contratación non é un documento pechado nin esgota as políticas municipais. O ano pasado, por exemplo, foi preciso reconducir unha parte do esforzo á elaboración dun PRESCO, un plan de 13,2 millóns de euros que, loxicamente, non estaba previsto, igual que non estaba a pandemia.

Inés Rey, alcaldesa de A Coruña

Mais o documento traza as liñas mestras das políticas municipais e pon de relevo a sensibilidade e a orientación social dun Goberno. Tamén outro asunto que non por ser evidente é menos destacable: este Goberno ten un plan. É dicir, esta cidade, tras moitos anos de deambular errático, por fin ten un plan, unha folla de ruta trazada pola alcaldesa e que camiña con paso firme na procura dunha cidade máis amable, máis habitable, unha cidade que dea resposta aos problemas e asente as bases dun mellor futuro.

Só un Goberno aberto ao diálogo permanente, alleo ás liortas pasadas e aos enfrontamentos estériles pode trazar un plan así. Ese Goberno non perderá un só minuto en cuestións que o distraian da meta fixada. Haberá, si, quen pretenda atrancar o camiño ou desvialo por xiros imposibles. Mais os cidadáns xulgarán a quen así actúe, porque no momento no que estamos a vivir non queda marxe para veleidades persoais. Quen queira sumar será sempre benvido.

Recibe nuestra newsletter diaria

O síguenos en nuestro  canal de Whatsapp